Todo un éxito da segunda edición da Volta ao Cole co Comercio, que este ano reuniu preto de 2.500 persoas entre o Milladoiro e Bertamiráns en actividades para as e os pequenos da casa. Esta iniciativa das concellarías de Promoción Económica e de Mocidade celebrouse durante catro xornadas e repartiu vales e premios para o regreso ás aulas entre as familias participantes.
Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica, amosouse moi satisfeita co volume de participación acadado, que “mostra que a proposta segue funcionando entre a veciñanza do concello e da contorna” conseguindo que se acheguen a Ames persoas para “consumir na hostalaría e o comercio local”.
Pola súa banda, a concelleira de Mocidade, Carmen Porto, explicou que “é fundamental facer posible que a mocidade desfrute dunha volta ao cole divertida e entretida. Esta proposta fai posible xornadas de diversión para toda a familia”.
Tamén Jorge López, presidenta da Xuntanza de Empresarios de Ames -XEA- amosou a súa satisfacción polas cifras deste ano. “Estamos gratamente sorprendidos pola gran cantidade de xente que acudiu a este evento. Énchenos de ledicia que os cativos desexaban máis os vales de comercio local que os premios físicos”, explicou.
A zona verde da travesía do Porto, no Milladoiro, e o parque do Ameneiral, en Bertamiráns, foron os lugares onde se celebraron, durante a primeira quincena do mes de setembro, actividades para amenizar o regreso ás aulas e fomentar o comercio e a hostelería das localidades. As nenas e nenos que acudiron puideron gozar de inchables, xogos do mundo, obradoiros de maquillaxe e de tatuaxe. Para rapazas e rapaces entre 12 e 17 anos, houbo atraccións como un touro mecánico, unha varradora, DJs e unha Holi Party.
No tocante ao sorteo, repartíronse 200 premios por un valor superior aos 2.000 euros. Entre estes houbo produtos electrónicos e vales de compra, que achegaron tanto XEA (30 de 20 euros) como o Concello (40 de 10€).