A Volta Ciclista cortará ao tráfico a Avenida da Maía

377

Ames recibe este domingo a etapa 21 da Volta a España. O municipio acollerá parte dunha contra o reloxo individual que transcorre entre Padrón e a compostelá Praza do Obradoiro. Con saída ás 16.30 de Padrón, chegará a Bertamiráns pouco antes das 17h.

Na capital municipal, a volta discorrerá pola Avenida da Maía,  así como, polo tramo que vai dende o núcleo de Bertamiráns ata Aldea Nova. Nestas rúas pecharase por completo o tráfico, prohibíndose a circulación das 13:30 ás 20:30h do domingo 5, segundo un banco da alcaldía. A Policía Local de Ames informa de que a prohibición tamén inclúe o acceso e saída dos garaxes, polo que para poder utilizar os vehículos ensas horas deberán estacionarse previamente en rúas adxacentes.

Como alternativas á circulación establecen que os garaxes con número impar, marxe dereito sentido de circulación Santiago-Noia, que pretendan desprazarse, deberán acceder á AG-56 ou outras vías pola Avenida da Peregrina. Do mesmo xeito, os vehículos pertencentes aos garaxes con número par, marxe esquerdo sentido Santiago-Noia, teñen que desprazarse á N-550 ata a Casalonga ou á zona de Pardiñas (Santiago) para poder enlazar coa AG- 56.

No caso dos veciños e das veciñas da Aldea Nova permitirase unicamente a entrada e a saída pola rúa en que se atopa o Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames en dirección Quistiláns, pola estrada do Cemiterio municipal. Dende alí poderán continuar ata a zona de Pardiñas para enlazar coa AG-56.