A votación dos Orzamentos participativos, ata o día 13

315

O Concello de Ames vén de abrir a votación telemática dos Orzamentos Participativos do 2020 –que pode facerse a través desta ligazón– e que continuará aberta ata o vindeiro 13 de decembro. Ao longo das dúas próximas semanas tamén se artella dende o Consistorio un calendario de votación presencial nas parroquias para garantir o dereito ao voto das persoas sen competencias dixitais cuxa cronoloxía pode revisarse aquí.

Escollerase unha proposta das presentadas, que poden verse no estudo técnico. As partidas inclúen 120.000 euros para o rural, 40.000 para a mocidade, 10.000 para programas para a mocidade, 10.000 para programas para a muller, 10.000 paraprogramas culturais e outros 10.000 para programas medio ambientais. As seis propostas executaranse en 2021.         

Cada persoa empadroada en Ames poderá votar nos 6 ámbitos ou partidas de gasto sobre as que se realizaron as propostas. O referendado das dúas partidas de mocidade estará pechado ao censo comprendido entre os 16 e os 30 anos.Cada persoa votará 3 propostas de cada ámbito ou partida de gasto. Así, asignaránselle 3 puntos á proposta máis valorada, 2 á seguinte e 1 punto á última.

O Concello de Ames ten previsto facer públicos os resultados finais do proceso na semana do 14 ao 18 de decembro.

Para calquera dúbida ou consulta sobre os Orzamentos Participativos o Concello ten habilitadas dúas vías de contacto coa asesoría técnica do proceso: por correo electrónico en opames2020@cidadania.coop ou telefónicamente no  674 805 085.