A Xunta comprométese a colaborar con Ames nos traballos para definir un novo PXOM

243

A Consellería de Medio Ambiente comprometeu o seu apoio técnico e económico aos traballos do Concello de Ames para modificar ou facer un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal. Esa é unha das conclusións da xuntanza que mantiveron onte, por parte do Concello, o alcalde, Blas García, e os concelleiros de Medio Ambiente, Manuel Lens, e Urbanismo, Víctor Fernández, e por parte da Xunta a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e a Directora xeral de Patrimonio Natural, Belén María do Campo. O futuro do municipio dende o punto de vista urbanístico centrou unha reunión na que se puxo sobre a mesa, xa que logo, a actualización dunha norma que leva vixente case 20 anos, desde 2002.

Blas García informou de que nos próximos meses se estudará no Concello se decantarse por un novo plan ou por modificar o actual, ante o que a conselleira comprometeu o apoio da Xunta. “É imprescindible que o noso municipio conte cun Plan adaptado á situación urbanística actual, e poder así ofrecer á veciñanza respostas axeitadas, para que o noso concello poida seguir medrando dun xeito ordenado e equilibrado”, defendeu o alcalde.

Outros asuntos
A reunión abrangueu tamén outros asuntos de interese para ambas administracións, como a necesidade de elaborar un plan director para intervir na zona de Rede Natura que ten Ames na contorna do río Sar desde a Condomiña ata Sisalde, e poder intervir na eliminación e control de diversas especies invasoras de flora e fauna. O rexedor sinalou que as tarefas agrícolas da Condomiña e as Cortes, en Ortoño, afectan á canle do Sara, o que obriga a delimitar e controlar as actuacións. O Concello remitirá á Xunta unha memoria de actuacións.

Tamén se tratou a problemática dos concellos para facerse cargo dos animais domésticos abandonados ou perdidos segundo a lexislación vixente de protección animal. Ames defende que se creen canceiras comarcais ou supramunicipais. O Concello acollerase este ano ás axudas para o control de colonias felinas.

Por último, na xuntanza pediuse a creación dun punto limpo fixo compartido entre Ames e Brión. Solicitaron unha axuda económica, ante o que Ángeles Vázquez sinalou que este ano van convocarse axudas para concellos de menos de 3000 habitantes ou que non conten con este servizo.