A Xunta de Goberno da “luz verde” á creación dunha améndoa peatonalizada no centro de Bertamiráns

64

O núcleo urbano de Bertamiráns adoece dos problemas típicos das cidades cun crecemento rápido e mal planificado: escaseza de servizos e zonas verdes por número de habitantes, falta de espazo para a interactuación veciñal, elevada contaminación acústica e gran cantidade de tráfico rodado polo centro que impide a creación de espazos de centralidade no núcleo, que os faga atractivos para o paseo, as compras e o lecer veciñal, que sexa útil como punto de encontro e relación coa veciñanza e sexa, ademais, un motor comercial e de lecer do concello.

Neste contexto, exponse a necesidade de crear un eixo vertebrador de todo o núcleo urbano de Bertamiráns a través da peonalización de rúas e a creación dun espazo cidadán que favoreza o paseo, actividades comerciais e de lecer sen o uso do automóbil.

Esta actuación é unha das boas prácticas enmarcadas na EDUSI Impulsa Ames a través da cal o Concello abordará as principais dificultades e desafíos que xorden ao amparo do crecemento físico experimentado polo municipio nas últimas décadas.

Crearase un espazo público de calidade, que:

  • Convidará a que os percorridos cotiáns da poboación se realicen a pé.
  • Proporcionará unha boa comunicación cos equipamentos públicos e as zonas verdes.
  • Contribuirá á dinamización da economía local.

O contrato “Creación dunha améndoa central no núcleo urbano de Bertamiráns” ten encaixe na liña A8, “Programa para a revitalización e valorización urbana dos núcleos de centralidade do municipio”, da estratexia DUSI Impulsa Ames e que se sitúa dentro do ámbito do Programa Operativo Plurirrexional de España – FEDER (en diante POPE-FEDER), axustándose ás categorías de intervención ás que haberá que atribuír o gasto da operación.

Características do contrato

A día de hoxe, o concello atópase nunha transformación cara a unha realidade urbana máis complexa. Por iso, a creación dunha Améndoa Central no núcleo urbano de Bertamiráns e as actuacións proxectadas nela supoñen unha oportunidade, aproveitando os activos dispoñibles, para a creación dun espazo público de calidade.

As actuacións proxéctanse sobre o sistema viario existente, pensado e proxectado desde a perspectiva do automóbil, e teñen por obxecto reverter esta situación en favor do tráfico peonil e ciclista, de maneira que a améndoa central de Bertamiráns convértase nun gran espazo cidadán no que se dea prioridade aos percorridos a pé e en bicicleta e dinamícense as actividades comerciais e de lecer.

Coas actuacións proxectadas non se pretende prohibir o emprego do automóbil, senón que se busca limitar o seu uso e incrementar o espazo destinado ao peón en detrimento do dobre sentido de circulación e do espazo de estacionamento.

A necesidade de coordinar a execución das obras co elevado volume de tráfico rodado que soportan os viais afectados na actualidade, fai necesaria a definición de tres ámbitos de actuación non coincidentes no tempo, de forma que a finalización de cada actuación permita a posta en servizo do espazo público, co obxectivo de minimizar as molestias ocasionadas á poboación. Tendo isto en conta defínense tres ámbitos de actuación sucesivas no tempo:

I. Avenida da Maía, rúa Alcalde Lorenzo e praza da Maía

A actuación máis adecuada que contribúa á creación dun espazo público de calidade é a que permite darlle continuidade á praza da Maía sobre a avenida da Maía e a rúa Alcalde Lorenzo ata a praza do Concello, incrementado o espazo peonil e promovendo a convivencia co vehículo en condicións de seguridade.

Con esta finalidade proxéctase un gran espazo compartido de prioridade peonil, mediante unha plataforma ao mesmo nivel entre a praza da Maía, avenida da Maía e Alcalde Lorenzo.

II. Rúa do Ameneiral e rúa Entrerríos

A transformación da rúa do Ameneiral contempla unha plataforma única a nivel que lle dea continuidade á praza do Concello e mediante a redución do espazo destinado ao automóbil créase un itinerario peonil e ciclista que favoreza a conexión dos futuros carreiros escolares.

A actuación prevista para a rúa Entrerríos concéntrase na intersección coa rúa do Ameneiral, co fin de actuar como medida de acougado do tráfico da circulación dos vehículos ao seu paso pola devandita intersección.

III. Travesía da Peregrina e rúa Rueiro

A travesía da Peregrina configurarase como unha ampliación da praza da Maía no seu acceso ao parque do Ameneiral e actuará de conexión do futuro itinerario entre o centro urbano e a zona escolar co mesmo parque.

O tramo da rúa Rueiro que discorre entre a travesía e a avenida da Peregrina asumirá o tráfico que se suprime da actuación anterior, pero sen prexuízo do incremento dun espazo peonil que na actualidade non da cumprimento á normativa de accesibilidade.

A presente actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.

Galería de imaxes do proxecto