A Xunta e o Concello colaborarán para arranxar os problemas do colexio de Barouta

98

O alcalde de Ames, Blas García, reuniuse hoxe no CEIP de Barouta co secretario técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila López, para amosarlle de primeira man os problemas estruturais das instalacións. O Concello sinala que estes dificultan o seu mantemento logo de 30 anos en funcionamento. Despois do encontro, informouse de que Xunta e Concello van colaborar na mellora do centro educativo.

O acordo ao que se chegou asígnalle á Xunta a tarefa de solucionar as deficiencias estruturais de cuberta e servizos, mentres que o Concello de Ames se encargará das reparacións exteriores, que inclúen corrixir as escorrentías de auga no desnivel.

“Na actualidade o centro escolar presenta filtracións na cuberta e no illamento dos ventanais que dificultan o mantemento de todo o edificio. Por outra banda os servizos seguen igual que cando se inaugurou o centro, polo que só están preparados para as necesidades de nenos en idade de cursar a educación primaria”, declarou García.

Pola súa banda, Vila lembrou que a Xunta levou a cabo este verán catro actuacións nos centros educativos amesáns por valor de tres millóns e medio de euros. Estas intervencións incluíron a instalación fotovoltaica no IES do Milladoiro e a ampliación do colexio Agro do Muíño.

O Concello de Ames xa realizou obras de carácter superficial na cuberta do CEIP de Barouta no ano 2016, que non chegaron a solucionar as profundas deficiencias.