A Xunta impón restricións sanitarias en todo o Milladoiro

576

A Consellería de Sanidade acordou hoxe a inclusión de todo o Milladoiro, xunto con Vilagarcía de Arousa, no conxunto de localidades con medidas de restrición. Así mesmo, acordou aumentar o número de rúas con restricións específicas na cidade de Ourense. A decisión tomouse esta mesma mañá, logo da xuntanza do Comité clínico de expertos sanitarios.

Entre as medidas que adoptan destaca a limitación dos aforos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas; así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto,

Concellos que manteñen restricións
O Comité de expertos aconsella manter as medidas vixentes en varios concellos. Así, continúan sen cambios Santiago, Silleda, Lalín, Lugo, Ourense, Poio, Pontevedra, Vilaboa, Marín e Verín nos que continúa a vixencia das limitacións establecidas por Sanidade. Así mesmo, o Comité de expertos sanitarios decidíu manter as limitacións que se mantiñan en determinados barrios da Coruña.

Todas estas medidas publicaranse hoxe no Diario Oficial de Galicia e entrarán en vigor as 00:00 horas desta medianoite. Ademais, volverán revisarse en sete días.

A intención de Sanidade é poder actuar de xeito más selectivo e con maior rapidez ante a aparición de casos nunha zona concreta. É por isto que, fronte ás medidas adoptadas para toda a comunidade autónoma dende o principio da pandemia, quérese agora acoutar o máis posible, podendo restrinxirse e regularse determinadas actividades xa non por áreas sanitarias, senón por concellos, cidades ou mesmo barrios.