A Xunta lanza un autotest sobre coronavirus

0
61

A Consellería de Saúde publicou hoxe na páxina web https://coronavirus.sergas.es un autotest no que se poden consultar síntomas e resolver dúbidas relacionadas coa doenza. Este test interactivo, elaborado por expertos, é “un sistema áxil e inmediato no que atopar información actualizada sobre cuestións relacionadas co coronavirus”, sinalan dende a Xunta.

O test personaliza as respostas a través de preguntas concretas, polo que permite ofrecer recomendacións adaptadas á situación de cadaquén. Dispoñible en galego e en castelán, presenta catro entradas que formulan as diferentes situacións que poden estar a vivir as persoas que o realizan, así como información sobre as dúbidas máis frecuentes acerca de temas relacionados co coronavirus.

O test, que está dispoñible en galego e castelán, inclúe en primeiro lugar unha opción para as persoas que teñan síntomas que pensen que poden deberse ao coronavirus. Estes recoñécense (tose, dificultade para respirar, febre maior de 38º ou sen síntomas) e a través dun interrogatorio danse recomendacións e indícase como acceder ao sistema sanitario para unha atención directa.

A segunda entrada destínase ás persoas que se atopan illadas na casa. O test ofrece instrucións que observar mentres permanezan na vivenda. Tamén se indica o que deben facer no caso de que estean eperando a toma de mostras para diagnóstico, no caso de que estean á espera dos resultados ou se empeorou a súa situación.

A terceira entrada informa a aqueles que deran positivo nesta enfermidade e ofrece as recomendacións a seguir mestres estean confinados ou no caso de que a súa situación clínica empeorase desde que permanecen no domicilio.

Por último, a cuarta entrada ofrece información sobre as dúbidas máis frecuentes sobre o coronavirus.

A Xunta lembra que o novo coronavirus é transmitido por vía respiratoria e polo contacto directo con secrecións respiratorias. Na maioría de casos, sinalan, “a infección por esta enfermidade é similar a un arrefriado común”.


DEJA UNA RESPUESTA

Please enter your comment!
Please enter your name here