A Xunta licitará en breve a reforma do CEIP Agro do Muíño e o novo colexio do Milladoiro

A Xunta anunciou o pasado 14 de xaneiro que en breve se licitarán as obras de ampliación do CEIP Agro do Muíño de Ortoño. A obra ten un orzamento de licitación de 3,4 millóns de euros. Así llo trasladou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, ao Goberno local na visita que levou a cabo nesa data a Ames. O alcalde, Blas García, e mais o concelleiro de Educación, David Santoril, acompañaron ao representante da Xunta a este centro, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, a directora do CEIP , Mari Carmen Liñares, e varios concelleiros.

A previsión da Xunta é que os traballos comecen antes de finais do mes de abril, sen necesidade de interromper o curso escolar xa que as obras serán nunha parcela anexa ao centro. As obras do edificio xa existente faranse aproveitando as vacacións de verán. No curso 2024/2025 estará todo rematado, confían na Xunta. A superficie total do centro despois da ampliación será de a 14.645 m².

O novo edificio contará con seis aulas convencionais e espazo para 150 alumnos. Haberá tres aulas de desdobres, aulas de música, pedagoxía terapéutica, aula de audición e linguaxe e orientador, aseos, sala de usos múltiples e vestíbulo de entrada. Contará tamén cun foro ou espazo de usos múltiples para promover a aprendizaxe en espazos abertos, e cun polo creativo, un espazo de innovación educativa onde se traballarán competencias relacionadas coa ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas.

No actual edificio, acometeranse diversas melloras na zona de instalacións, ampliarase o comedor e reorganizaranse varios espazos, entre outras actuacións, ademais de unir o volume existente co novo. A actuación enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta pioneira coa que Galicia se adianta no deseño das escolas poscovid, adaptando os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas.

Novo colexio do Milladoiro

Non foi o único anuncio agardado que realizou Román Rodríguez aproveitando a visita. O conselleiro prometeu a “inminente construción” do novo colexio no Milladoiro, apenas dúas semanas despois de que o Concello amosase o seu malestar pola demora e o silencio do Goberno galego sobre este proxecto para o que a Administración local aprobara ceder os terreos xa en 2020. “O obxectivo de ambas actuacións é dar resposta ás necesidades de escolarización dun concello que destaca polo seu crecemento demográfico”, asegurou Rodríguez. A presentación e contratación do proxecto será inmediata, confirmou.

O alcalde recolleu a luva e amosouse satisfeito polo anuncio. Presumiu de que Xunta e Concello “traballamos conxuntamente” incluíndo a “comunidade educativa” pola ampliación do Agro do Muíño e parabenizouse por “ telo conseguido”. Recordou García que o CEIP Agro do Muíño conta con case 500 alumnos e alumnas e coa ampliación vai a verse incrementado en preto de 150 alumnos”. García tamén tivo palabras para “agradecer o traballo e a colaboración da dirección do centro, da ANPA e da comunidade educativa, así como, da veciñanza da urbanización de Agro do Muíño pola súa permisividade e colaboración nos cambios urbanísticos realizados na zona”.

Na mesma liña falou o concelleiro de Educación, David Santomil, que recoñeceu que se trata dunha “moi boa nova” e salientou “a importancia da colaboración entre as administracións e o traballo da Xunta de Galicia para que o proxecto saíra adiante e o fixera no tempo previsto, e máis na situación actual coa escalada de prezos e coas complicacións para as contratacións”. Destacou o papel do Concello á hora de xestionar os terreos que farán posible a ampliación do centro e amosou o seu desexo de que o novo colexio do Milladoiro sexa axiña unha realidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *