A Xunta salienta unha “mellora” da situación epidemiolóxica mentres baixan os casos en Ames

335
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informa, en rolda de prensa, dos asuntos tratados no comité clínico sanitario. Tamén intervirán, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo; e o xerente do Sergas, José Flores Arias.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmou está mañá en rolda de prensa o descenso sostido da incidencia do virus Sars-CoV-2 na comunidade galega, ao tempo que apuntou a necesidade de seguir a traballar para acadar o descenso da presión asistencial nos centros sanitarios galegos.  Pola súa banda, o Concello informou onte de que o número de casos de COVID-19 no municipio de Ames, segundo se traslada a información dende a Consellería de Sanidade a 9 de febreiro de 2021, é de 142 casos activos, 12 menos ca no anterior informe.

Trala xuntanza do grupo de expertos que avalía a evolución da covid-19 en Galicia, o titular da carteira sanitaria da Xunta apuntou que os derradeiros datos epidemiolóxicos na comunidade achegan un ritmo de descenso dos casos do 5’6%, nos últimos sete días.

Así mesmo. informou que na derradeira semana, o Servizo Galego de Saúde realizou 160.000 probas diagnósticas, das que se desprendeu un tasa de positividade do 6%. Esta cifra achégase ao obxectivo establecido pola OM,S fixado no 5%.

Sobre este particular, o máximo responsable da Sanidade galega realizou un chamamento xeneralizado á poboación galega, para que acuda e participe nos cribados que se está a desenvolver o Sergas nas diferentes áreas sanitarias.

Respecto do Plan de vacinación, precisou que “vimos de rematar a vacinación nos centros sociosanitarios e nos profesionais sanitarios de primeira liña”, ao tempo que anunciou que “desde esta semana comezarase a vacinar ao resto do persoal sanitario”.

García Comesaña tamén destacou que tras recibir 11.100 doses da vacina producida por Astrazeneca, desde mañá mesmo, comezarase a vacinación dos profesionais do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) menor de 55 anos.

Na compaña do secretario xeral técnico, Alberto Fuentes, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o xerente do Sergas, José Flores; o conselleiro de Sanidade agradeceu novamente o esforzo e dedicación do conxunto de profesionais que desenvolven o seu labor no ámbito sanitario galego, poñendo especial énfase nos que están a traballar nas unidades de críticos.

No que atinxe aos datos epidemiolóxicos, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, apuntou que estamos diante “dunha mellora obxectiva da situación epidemiolóxica en Galicia”, mais remarcou que “aínda estamos lonxe do obxectivo marcado”.

Ademais, Durán apuntou que Galicia é na actualidade a segunda comunidade autónoma coa mellor taxa de realización de probas diagnosticas por 100.000 habitantes, cunha cifra de 6.189 probas, case un 80% por riba da media nacional.

Durante a súa intervención, a responsable de Saúde Pública tamén informou que nestes intres o Servizo Galego de Saúde ten secuenciados 41 casos pertencentes á variable británica.

Respecto da ocupación hospitalaria, o xerente do Sergas, José Flores, debullou a presión actual dos diferentes niveis asistencias, indicando que a ocupación de pacientes en planta é do 69% (13% por covid); e nas unidades de críticos do 67% (40% por covid).

Por último, García Comesaña gabou o traballo que están a desenvolver o conxunto de profesionais que traballan no ámbito sanitario, ademais de agradecer a actitude responsable que continúa a amosar a poboación galega, no cumprimento da medidas establecidas para frear a expansión do coronavirus.