A proba celebrarase no circuíto homologado da travesía do Porto, no Parque Empresarial Novo Milladoiro, e contará con probas para as categorías sub10, sub12, sub14, sub16 e absoluta
Poderán anotarse todos os atletas que conten con ficha na Federación Galega de Atletismo, inscribíndose na páxina web de RFEA antes das 20:00 horas do luns 30 de xaneiro
No acto de presentación estiveron presentes o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Deportes, Susana Señorís; o técnico do departamento de Deportes, Alberto Viaño; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín; a responsable de promoción de menores e marcha da Federación Galega de Atletismo, Maica Jueguen Lago; Joao Fernández, en representación do club Millaraio, e David García, do club Ames Atletismo.
A concelleira de Deportes, Susana Señoris, indicou que “vai ser unha ocasión para ver esta nova modalidade. Todos estamos acostumados ás carreiras habituais e sempre gusta traer novas probas e ver novas modalidades de competición”, e animou “a todas aquelas persoas que se queiran inscribir a facelo. Está toda a información na páxina da Real Federación Galega de Atletismo”.
Pola súa banda, Iván Sanmartín, presidente da Federación Galega de Atletismo, declarou que “para nós é un pracer estar aquí, no Concello de Ames, presentando este campionato, dunha especialidade que ten moito arraigo en Galicia e tamén a nivel internacional. Ogallá este sexa o berce para que saian máis marchadores de aquí, de Ames”.
O alcalde de Ames, Blas García, apuntou que “ese día imos ter 180 atletas federados competindo en diversas categorías de marcha. É un deporte vistoso, unha proba deportiva moi interesante, e animamos a que a veciñanza de Ames, e sobre todo a do Milladoiro, a que aproveite para saír e ver a proba”.