As piscinas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro e a praia fluvial de Tapia quedan abertas ao público dende hoxe, logo de rematados os traballos de acondicionamento. As piscinas funcionarán en horario ininterrompido de 11h a 21h, de luns a domingo. Pola súa banda, en Tapia haberá socorristas e vixilancia entre as 15h e as 21h, de luns a venres, e de 11h a 21h as fins de semana.
Este ano, a causa da pandemia de COVID-19, os traballos de acondicionamento e mellora incluíron medidas especiais como a ventilación de espazos pechados, a limpeza e desinfección do mobiliario e o tratamento da auga dos vasos.
No caso da praia de Tapia, o persoal municipal achaiou o terreo do estacionamento, reparando as fochancas, e pechou o peche perimetral da piscina. Tamén lavaron a presión o muíño e os camiños da área.
A pandemia de COVID-19 tamén se deixa sentir no aforamento. Nos tres espazos, este queda reducido a un 75% do máximo habitual.
Carnés de usuarios
O prazo para solicitar carné de usuario nas piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro segue aberto todo o mes de xullo. Este carné será necesario para entrar, xa que este ano, para controlar mellor o aforamento, non se venderán entradas soltas.