Abre o prazo das axudas á promoción do comercio en Ames

266

Desde mañá ábrese o prazo para presentar as solicitudes de axuda á promoción do comercio no Concello de Ames. As asociacións de comerciantes e profesionais terán 15 días a partir de mañá para presentarse ás subvencións. Estas axudas, que este ano alcanzan os 30.000 euros, están destinadas á apoiar a promoción comercial das empresas e foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia con data do martes, 5 de outubro de 2021 logo de seren aprobadas na Xunta de Goberno local de Ames o 23 de setembro.

As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Electrónico Xeral do Concello de Ames ou na sede electrónica do Concello, así como no Rexistro Electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado (REC) o que se poderá acceder tamén desde a sede electrónica municipal.

Poderán optar a estas subvencións as asociacións de comerciantes e profesionais do Concello de Ames, legalmente constituídas e que na actualidade figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións. Subvencionaranse as accións e proxectos destinados á promoción comercial: publicidade, promoción de ventas, animación comercial, celebración de exposicións, congresos e aquelas actividades destinadas á promoción de produtos comercializados polas empresas que desenvolven a súa actividade comercial no concello de Ames. Tamén se subvencionarán os gastos de contratación de persoal destinado a promover accións de promoción económica dentro do ámbito dos seus asociados.

Cunha contía de 7.000 euros subvencionarase a infraestrutura e o equipamento das asociacións. Neste senso, as axudas poden solicitarse para a mellora das instalacións, a adquisición de material e mobiliario, de material funxible e sofware propio das asociacións. Tamén entra dentro deste apartado a realización da páxina web das asociacións. Ademais considéranse incluídos nesta liña de actuación, os gastos de funcionamento da asociación, como o alugueiro dos locais e a xestoría. Non se inclúen como gasto obxecto de subvención, os gastos de teléfono, luz e auga nin a adquisición de bens inmobles.Tampouco se subvencionarán xantares entre os membros da asociación, sin considerar neste sentido as festas de exaltación gastronómica. Tampouco se poderá solicitar subvención para as viaxes que non acrediten o seu carácter eminente de promoción comercial.

Para a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, a finalidade destas subvencións é a de “favorecer a promoción e o desenvolvemento de actividades realizadas no seo das asociacións de comerciantes e profesionais do Concello de Ames”. Engade a concelleira que o obxectivo destas axudas é “potenciar o comercio amesán intentando chegar ao maior número de clientes posible, mellorando a calidade, procurando a estabilidade da actividade comercial local e outorgando protagonismo ás entidades asociativas deste sector”.