“Acércate” propón unha xornada pola igualdade o sábado 4

266

As xornadas de Igualdade e prevención da violencia de xénero en Ames, “Acércate” chegan neste 2021 á súa XI edición. Organizadas pola Concellería de Igualdade, celebraranse o sábado, 4 de decembro entre as 10h e as 14h na Casa de Cultura de Bertamiráns. Nesta ocasión a convidada será Lola Vendetta, alter ego da debuxante Raquel Riba Rossy, que, baixo o título “Más vale Lola que mal acompañada”, ofrecerá unha charla e un taller de ilustración. Ao evento adoitan apuntarse profesionais da educación, adolescentes, pais, nais e persoal de varios organismos relacionados coa igualdade de xénero.

A artista Lola Vendetta, que estudou Belas Artes na Universidade de Barcelona e ten máis de 150.000 seguidores na rede, impulsa o empoderamento feminino a través de viñetas satíricas e reivindicativas nas que fala de machismos encubertos, relacións sexuais frustradas e conflitos de parella.

“Traballaba de azafata de eventos e tiña moito tempo libre, así que comecei a preguntarme porque había tantos homes nos eventos de xente intelectual e porque as poucas mulleres que había estaban de pé sobre tacóns saudando e pensei: non é cómodo, non me gusta”, declaraba Raquel Riba nunha entrevista concedida ao diario La Vanguardia na que explicaba como naceu Lola Vendetta: “Nun dos congresos aparentei tomar notas sobre os clientes cando en realidade estaba a me desafogar e a apuntar ideas. De aí naceu Lola Vendetta”.

Para a concelleira Luísa Feijóo: “As xornadas, xunto co Acto Institucional, constitúen o núcleo central das actividades que o concello organiza co gallo do 25N. As xornadas teñen o valor de convidar á reflexión, ao debate, a poñer atención en moitas cuestións que decotío pasan desapercibidas e que seguen a seguir apontoando desigualdades e violencias”. Feijóo engade que as xornadas “provocan unha grande expectación sectores como o da educación os servizos sociais, o que se traducen en que sempre  mobilicen a máis de 300 persoas”.

As xornadas “Acércate” adoitan contar coa presenza de entre 300 e 400 persoas. Non é a primeira vez que o evento achega a Ames figuras  que defenden a igualdade e teñen grande repercusión mediática. Por este foro xa teñen pasado persoas como a escritora e activista pro-sex, Amarna Miller ou a Antía Yáñez, escritora e gañadora do Premio Illa Nova de Narrativa pola súa obra “Senlleiras”