Adxudicadas as obras para mellorar o pavimento no acceso a Tarrío, en Bugallido

159

O pasado venres, a Xunta de Goberno Local aprobou obras de mellora da pavimentación do viario de acceso a Tarrío (Bugallido). A adxudicataria foi a empresa Vías e Servizos Compostela SL por un importe de 62.682,31 euros (IVE incluído).

A actuación inclúe melloras ao longo de máis dun quilómetro de viario, repartidas en dous treitos de 350 e 710 metros, con anchuras de 4,30 e 5 metros, respectivamente. Nestes dous tramos de aglomerado repararanse as fochancas con grava e tratamento asfáltico, para despois aplicar unha nova capa de asfalto en quente. Tamén se limparán as marxes do viario.

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destacou “a aposta que este Goberno fai polo rural amesán, no que se está traballando e mellorando en moitos núcleos, ademais doutros investimentos importantes como o alumeado led ou a mellora dos servizos. A través de ditas melloras tratamos de que os nosos núcleos sexan lugares atractivos para vivir. Ademais, avanzamos co Plan Ames Progresa, co que seguimos coas actuacións nas vías e infraestruturas do rural”.