Adxudicado o mantemento de parques e xardíns por catro anos e por millón e medio de euros a Coregal

85

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar, o pasado 20 de xullo, a adxudicación do contrato de mantemento de zonas verdes e axardinados do Concello de Ames por importe de 1.531.860 euros (IVE incluído). O contrato reservado a centro especiais de emprego de iniciativa social foi adxudicado á empresa Coregal Parques e Xardíns SL. A prestación do servizo está previsto que se inicie o 1 de setembro de 2023. O contrato terá unha duración de catro anos sen posibilidade e prórrogas.

Ata o de agora os traballos de mantemento das zonas verdes e axardinadas do municipio estaban executándose de xeito esporádico en función das necesidades.

O contrato inclúe a contratación de oito persoas: un xefe de servizo (enxeñeiro técnico agrónomo), un encargado, tres xardineiros e tres peóns. En canto aos traballos a realizar, o servizo inclúe tarefas de control e supervisión dos sistemas de rego automatizado, segas, recorte de bordes, resembrado, fertilización, recorte de arbustos, plantación, poda de árbores, escarificado ou a limpeza das árbores.

Entre as zonas de actuación destacan a área de Tapia, a contorna das piscinas e da Casa da Cultura do Milladoiro, a área de estacionamento de autocaravanas, a praza de Manuel Murguía, a da Madalena, a de Correos, o polígono do Milladoiro ou o campo fútbol. En Bertamiráns entre os elementos a conservar atopamos a contorna da piscina da Telleira, o parque do Ameneiral, a praza de Chavián, a Casa da Cultura, a praza do Concello ou o Pazo da Peregrina.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, indica que “coa posta en marcha de dito contrato vaise mellorar, de xeito significativo, o servizo de mantemento das zonas verdes e axardinadas do concello”.

O alcalde de Ames, Blas García, destaca “a importancia de dito contrato xa que o mantemento dos parques e xardíns públicos é competencia do Concello de Ames. Son espazos cunha importancia ecolóxica e paisaxística que requiren un mantemento continuo de conservación para que as persoas usuarias desfruten dun entorno de calidade”.