Adxudicado o saneamento de Caroubáns por 120.000 euros

111

O Concello informou hoxe da adxudicación en Xunta de Goberno das obras de saneamento de Caroubáns (Covas) por 120.000 euros a Obras y Servicios Indigo SL. Os traballos pagaranse con fondos propios do Ciclo Integral da Auga. As obras pretenden ampliar a rede de saneamento municipal substituíndo as fosas sépticas particulares e as verteduras incontroladas.

A rede de saneamento canalizará as augas residuais pola cuneta da estrada DP-203, verténdoas nun pozo na parte alta de Loureiros. As obras suporán a instalación de case 20 novos pozos de rexistro. Dentro do mesmo proxecto inclúese a construción dun treito de 300 metros de rede de abastecemento. Ademais, en Caroubáns reporase todo o pavimento de formigón. Por outra banda, crearase unha nova soleira para albergar a marquesina e os contedores de lixo.

O Concello suma estas obras ás recentemente levadas a cabo en Bugallido para o saneamento e abastecemento de Guimaráns e Buceleiras.