Alexandre Sotelino: “O mérito deste premio é compartido, todos somos resultado das nosas experiencias e da xente que nos acompañou”

496

Alexandre Sotelino, profesor da Facultade de Ciencias da Educación na USC, recibiu recentemente o Premio Educa Abanca, que o recoñece como o mellor docente universitario de España. O galardón, votado polo propio alumnado e avalado por un comité de expertos, recoñece a este ourensán de 35 anos, veciño do Milladoiro, cun premio sen dúbida soñado por calquera profesor universitario. Avala ademais unha traxectoria que, malia a súa xuventude, se ve recoñecida tamén na súa faceta investigadora. O seu proxecto ‘Pedagoxía Intercultural e APrendizaxe-Servizo’ (PEINAS), do que é coordinador xunto a Miguel A. Santos Rego, foi tamén recoñecido nos Premios SUISIA 2021, coa insignia SUISIA Starter (Spanish universities in social innovation activities) co primeiro accésit. Conversamos con el na Facultade de Ciencias da Educación.

Que se sente ao recibir un premio coma este? Entendo que ademais fuches proposto polo estudantado.

Si, o alumnado fai a proposta de nominación e despois hai un comité que valora a candidatura en dúas fases. O bonito é o feito de que o alumnado se acorde de ti.

E cal foi a túa reacción?

Bastante de sorpresa, pero tamén de responsabilidade. Ao final estás dando resposta ao que o alumnado ve de ti, e hai que mantelo. Tes ese dilema entre dous polos: a responsabilidade dun premio deste nivel, que ninguén agarda tan cedo, e o da gratitude porque se acorden de ti.

Supoño que “un gran poder conleva unha gran responsabilidade”. Aumenta o listón de agora en diante?

Non conleva tampouco ningún cambio. É un recoñecemento que se agradece ao traballo feito, e máis cando vén do alumnado. Pero non me vai supor ningún cambio na vida profesional. Na vida persoal si: de súpeto coñécete máis xente e atendes a medios e autoridades varias, cousa ao que non estaba acostumado. Pero profesionalmente non mudas a túa forma de impartir docencia. Simplemente vexo que o que estaba a facer funcionaba. Tamén porque son pedagogo de formación e isto é facer aquilo que un cre.

No teu caso, este recoñecemento ten un valor engadido, non? Estase recoñecendo un labor puramente pedagóxico e unha metodoloxía profesional e marco teórico persoal.

Ao final é unha forma de ver que as metodoloxías, recursos e formas de traballar que utilizo son vistas como útiles polo alumnado, que as valoran. Diso se trata. Eu dicía o outro día que non pretendo ser colega do alumnado, senón que aprendan, que sexan bos mestres e boas mestras no día de mañá. Esfórzome porque aprendan o máximo posible no tempo que están aquí.

Es un docente vocacional?

Semivocacional. Tiven moito tempo facer arquitectura na cabeza porque me gusta, e vin na casa toda a vida, o deseño, a arte, a construción. Pero despois tiven contacto dende moi novo coa docencia no ámbito non regrado, informal. Levo toda a vida no movemento asociativo de música tradicional e comecei a botar unha man. Dei clases de baile e música tradicional desde os 16 anos. Tiven contacto dende moi novo coa docencia, pero non contaba con dedicarme a isto. Non son docente por vocación dende cativo, senón que fun construíndo a vocación por circunstancias da vida e contacto co tecido asociativo.

E ese contacto coa formación en música tradicional axudouche á hora de formarte como docente?

Pois si. Por unha banda, todos fomos alumnos algunha vez na vida e sabemos o que nos gustaba e o que non e as dinámicas que queremos e que non queremos repetir. Pero, ademais, dende moi novo, dende os 16 anos, tiven a oportunidade de ver como organizar unha sesión cun grupo de persoas para transmitir un coñecemento. Iso aplícase a outros niveis. Si que é certo que me fun autoformando. E cando estudei pedagoxía conectaba o que fixera de forma informal durante anos co que aprendía en clase. 

A palabra “docente” é un mundo, abarca moitos niveis. Se cadra non significa o mesmo en cada unha desas etapas. Pero, en xeral, tedes a percepción de que se descarga moita responsabilidade social sobre vós?

Sempre. Eu teño moitos amigos, compañeiras e compañeiros, que son profesores en primaria. Na universidade estamos xa nun nivel profesionalizante. É moi clara a formación, pero en primaria, infantil ou secundaria é certo que se lle atribúen ao profesorado competencia que non sei ata que punto lle corresponden. Educación vial? Na escola. Educación ambiental? Para a escola. Educación para a cidadanía? Para a escola. Os tempos son os que son e as cargas son as que son. A escola ten unha función socializadora e outra de formación competencial, pero non é a solución para todos os males. Ao final, eu creo que é o comodín da sociedade. É certo que a educación é transformadora, pero non todo pasa pola educación escolar. Temos que ver outros niveis. As administracións municipais e autonómicas deben ter propostas culturais e educativas, e diversificalas. E hai que retomar o papel da familia como núcleo formador. O resumo de todo isto é que non só se educa na escola.

Canto tempo levas impartindo aulas?

Eu doutoreime cedo, con 27 anos. Estiven catro cursos de interino na Universidade de Vigo e levo cinco cursos de profesor contratado doutor na USC.

Logo levas xa máis dunha década de docencia. Como cambiou neste tempo a universidade e a educación?

Mesmo podo comparar coa miña época de alumno. Hai un cambio. A universidade colleu conciencia da súa vinculación social e ligazón coa comunidade. Estanse creando iniciativas formativas que vinculan a academia coa comunidade de referencia a través de proxectos comúns con entidades municipais, sociais ou non gobernamentais. Faise un servizo á comunidade e ao mesmo tempo o alumnado ten unha experiencia formativa máis real. En canto ao alumnado, non percibo un cambio tan grande nel ata este curso. Pensemos que o alumnado de 1º de carreira vén dun Bacharelato difícil, con confinamentos, virtualidade e cambios continuos. Noto como que chegan cunha actitude máis expectante, menos participativa. Tampouco tiveron oportunidades de participar: levan dous cursos con cambios case trimestrais na docencia e eles adaptándose ao que lles veu enriba. Hai un cambio pero coma en tódolos niveis da vida.

Ao fin e ao cabo non puideron socializarse.

Claro. Estes rapaces e rapazas de 18 anos levan dende os 16 con pouco contacto con outras persoas. Non teñen a mesma conexión grupal. Terán tempo de facela, que están en 1º. Pero é unha cuestión derivada da pandemia. O alumnado desta facultade, sexa nos graos de Mestre, Pedagoxía, Educación Social ou os diferentes graos que temos, soe ser moi participativo pola propia dinámica que temos. Entón si que se nota unha pequena baixada nese ímpeto.

Como vos afectou aos profesores a pandemia?

Para min está a ser moi complicado porque nos decatamos de que a docencia non está preparada para a virtualidade, ou ao revés. Axudounos a valorar a presencialidade e o contacto interpersoal. Podemos facer moitas metodoloxías, e as plataformas teñen moitas opcións, pero a naturalidade e espontaneidade, ademais de facilidades, que dá unha aula non as dá a virtualidade. Esta vai quedar para moitos aspectos como titorías ou cuestións administrativas, pero creo que a presencialidade non se vai ver devaluada porque comprendemos a importancia que ten para aprender máis ou mellor. Eu como docente sentinme mal falando para unha pantalla sen resposta, nin sequera verlles a mirada para ver se entenden o que contas. Cánsaste máis, acabas con dor nas costas pola tensión de estar sentado. Estabamos desexando volver á presencialidade. Foi duro. Intentar transmitir o mesmo foi moi complicado. Pór na balanza a parte emocional e a académica non foi doado.

O confinamento cortaríavos o curso, ademais.

Quedaban dous meses de curso. Houbo que repensar o ano ao 100%, e o ano pasado foi unha modalidade mixta que tampouco axudou moito, con rotacións e semipresencialidade. Non coñecías o alumnado, víalo catro veces ao cuadrimestre.

Dentro duns anos verase unha diferenza de formación entre a xente que cursou estudos agora e a que o fixo xusto antes ou despois?

Non me atrevo a afirmar iso. O poder de resiliencia destes rapaces e rapazas é enorme. Eles suplen esa falta de contacto con profesorado e compañeiros co triplo de traballo, e cunha adaptación rápida ás novas tecnoloxías. Quero pensar que non se vai notar moito un déficit formativo. Non tiveron a mesma calidade de formación? Creo que si, porque a virtualidade resta ligazón, resta calidade á formación. Pero creo que eles o puideron suplir con outras cualidades.

Non é a primeira vez que se recoñece o teu traballo. Que podes contarnos da túa traxectoria académica?

Doutoreime moi cedo e tiven a sorte de estar á sombra dunha boa árbore. Teño sorte de estar nun grupo de investigación como o Esculca, onde se traballa moito e dunha maneira moi seria e moi estrita. Axudoume a medrar como investigador. Coma no refrán, boa sombra te acubilla. Aprendín moito cos compañeiros, cos meus titores de tese… Fomos poñendo os piares para moitos proxectos de investigación que se levaron a cabo. Cando boto a vista atrás sei que fixen todo o que fixen por estar ben acompañado. Esta foi a terceira nominación que tiven a estes premios e desta foi a vencida. As outras dúas ocasións tamén me sorprenderon. Pero case todo o mundo está centrándose no meu mérito persoal e eu creo que ese tipo de méritos son moi relativos. Ao final, unha persoa ten méritos porque compartiu espazos, tempos e aprendizaxes con outras persoas. Aínda que o premio sexa nominal, é un mérito moi compartido, moi dividido e resultado de moita xente. Todas e todos nós somos resultado das nosas experiencias vitais: a familia na que medramos, a xente coa que traballamos, as amizades… Hai que relativizar o mérito persoal.