Alingua presenta o Catálogo de referentes da lingua galega

307

Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega que aglutina os servizos de normalización lingüística de 19 concellos, continúa este outono coas accións programáticas da campaña de difusión do galego “É túa. Pásaa!”. Dentro desta iniciativa, Alingua lanza este curso o seu Catálogo de referentes acompañado dunha guía didáctica de descarga libre e dun cartel de referentes dirixidos ao alumnado. Tamén presenta a Cartografía sensorial, un espazo virtual de paisaxes sonoras e visuais dos concellos que conforman a entidade.

O Catálogo de referentes preséntase como un compendio dinámico de figuras destacadas de diferentes ámbitos sociais e culturais que desenvolven en galego tanto o seu día a día coma a súa traxectoria profesional. A guía dixital, que se pode consultar na web da Alingua, recolle máis de corenta figuras salientables clasificadas por 12 grandes áreas: comunicación, deporte, artes escénicas e cinema, cómic e ilustración, artes plásticas, moda e artesanía, ciencia, música, literatura, gastronomía, activismo e novas tecnoloxías.

Na presentación participaron o alcalde de Ames, Blas García; a alcaldesa do Concello de Teo, Lucía Calvo; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; e maila concelleira de Lingua do Concello de Teo, María Vázquez. Así mesmo, asistiron ao acto Mónica González, concelleira da Baña, Ramón Varela, concelleiro de Carballo, Olalla Figueira, concelleira de Rianxo e Manuel Cobas, concelleiro de Rois.

Alingua enxalza como referentes da nosa fala a intérpretes como María Vázquez, Xosé A. Touriñán ou as integrantes da compañía teatral A Panadaría, ilustradores como Luís Davila, as voces de Tanxugueiras, Mondra, Grande Amore ou Fillas de Cassandra e as sinaturas literarias de Ledicia Costas, Antía Yáñez ou Ismael Ramos. Para completar o ámbito da creación artística, tamén se recollen as figuras de creadoras plásticas como son a pintora Aroa Outón, a fotógrafa e deseñadora Zeltia Iglesias Rodríguez ou a muralista Nana.

Máis aló do sector cultural, o Catálogo de referentes tamén glosa personalidades da ciencia (Iria Veiga, Sonia Villapol ou Xacobe de Toro), do deporte (Sechu López e Rocío García Eiras), da gastronomía (Lucía Freitas e Javi Olleros), da comunicación (Rodri Míguez, Mario Brión, María Rúa ou Esther Estévez).

Completan o catálogo nomes das novas tecnoloxías (Iago Gordillo, Javi Boquete ou Verónica Bolón) e do activismo, representado pola performer Meiga-I, a sindicalista Isabel Vilalba e as escritoras María Reimóndez e Nee Barros, tamén presentes no apartado literario pola súa obra. Todas as persoas presentes no catálogo aceptaron previamente participar nel e colaborar así coa asociación Alingua como unha vía máis de amosar o seu compromiso co idioma.

Guía didáctica
O Catálogo de referentes complétase coa guía didáctica É túa. Pásaa! que, baixo o subtítulo Con actividades e referentes para revolucionar o teu galego, pon á disposición do profesorado de centros de ensino de secundaria de toda Galicia co obxectivo de fomentar o uso do galego na rapazada de entre 12 a 16 anos.

Como outra iniciativa deste outono, Alingua publica na súa web a chamada Cartografía sensorial. Trátase dun espazo virtual que recolle paisaxes sonoras e visuais dos concellos que conforman a entidade e que ten como obxectivo amosar a riqueza das falas galegas e visibilizar e enxalzar a diversidade lingüística dos concellos que integran a asociación.