Almorzo con Arcea-Adames polo Día Mundial das persoas con (dis)capacidade

359

Co gallo do Día Mundial das persoas con (dis)capacidade, a concellaría de Benestar Social e Igualdade de Ames prepara mañá o xa tradicional almorzo coa Asociación Arcea-Adames. Logo de que o ano pasado esta xuntanza se celebrarase de xeito virtual por mor da pandemia, este ano o persoal do departamento compartirá mesa e mantel cos homes e mulleres da asociación na Casa de Cultura de Milladoiro. Iso si, con restricións en materia de distancia e uso de máscaras, derivadas da nova normativa no sector da hostalería imposta pola subida dos casos de COVID e a ameaza da variante surafricana da enfermidade.

Para a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo, “é sempre moi agarimoso compartir estes momentos cos integrantes de Arcea-Adames, escoitalos, que che comenten as súas anécdotas, o que fan, o que lles gustaría facer…” . Feijóo engade que o significado das palabras é importante, por iso, na meirande parte dos documentos do seu departamento “preferimos falar de distintas capacidades. O primordial é, sobre todo, non ferir cas nosas palabras a outras persoas. Non menosprezar nin minusvalorar as súas capacidades”. A concelleira comentou ademais que “é moi importante celebrar estes días sobre todo co obxectivo de promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade, así como concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida; son días para acabar co descoñecemento, a indiferenza, os prexuízos e a sobre protección ás que se ven sometidas estas persoas”.

Ademais de todo isto, dende a concellaría convídase á cidadanía amesá a participar na campaña “Baixo o mesmo paraugas” que organizan 90 entidades sociais galegas e que propón subir ás redes sociais fotos con paraugas abertos como símbolo de reivindicación por unha sociedade máis xusta e igualitaria para todas as persoas. As fotos pódense acompañar cos hashtag #ParaugasPolaDiscapacidade e #BaixoOMesmoParaugas. Asemade, a campaña propón a compartir o evento virtual a través da etiqueta a @galiciadiversa.