O portal de observacion social da transparencia e da ética pública Dyntra fixo pública unha avaliación dos distintos concellos de España e de Galicia no tocante a estes aspectos. Na súa clasificación, o de Ames aparece como o terceiro concello de máis de 15.000 habitantes máis transparente de Galicia, e como o número 117 no ránking español.
Dentro dos 162 indicadores avaliados, o Concello conta con 92, situándose nunha porcentaxe de transparencia do 56,79% no índice DAM (Dyntra Ayuntamientos y Municipios), que contabiliza entidades onde hai máis de 15.000 veciñas e veciños censados.

Por apartados, Ames obtén un 62% en transparencia municipal, un 48% en participación e colaboración cidadá, un 52% en transparencia económica e financeira, un 62% en contratación de servizos, un 60% en urbanismo e obras públicas e un 0% en Open Data.
En 2015, o resultado do Concello de Ames nesta clasificación era de só un 16,78%. A concelleira de Transparencia, Vanessa Vidal, sinalou que “seguimos traballando na creación de mecanismos que permitan manter a confianza nas institucións, ampliando os estándares de conduta e as actitudes éticas dos cargos públicos, e desenvolvendo iniciativas vinculadas ao acceso a información pública e a dación de contas para ser referentes en materia de transparencia institucional”.
Pola súa banda, a edil de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, defendeu “o esforzo do persoal do departamento de Comunicación, xa que manter estes estándares non sería posible sen a constante actualización de contidos e a implicación dunha área que conta con moi poucos recursos humanos”.