Ames acolle a XXII Carreira Pedestre o 22 de outubro

411

A XXII Carreira Pedestre Popular presentouse esta mañá na Casa do Concello de Ames. Celebrarase o vindeiro 22 de outubro en Bertamiráns, cun circuíto de 10 quilómetros que partirá da rúa Alcalde Lorenzo e rematará no mesmo lugar. Este ano debido ás obras que se están realizando nas rúas Ameneiral e Entrerríos, as probas das categorías escolares realizaranse na zona do paseo fluvial.

Poderán participar todas as persoas que queiran, estean ou non federadas. A inscrición pode facerse ata a medianoite do mércores 18 de outubro por internet ou en Atmósfera Sport, na avenida da Maía 83, en Bertamiráns. A categoría absoluta ten un custo de 7 euros de inscrición, mentres que as escolares son gratuítas.

A carreira estará controlada ao longo de todo o percorrido a través dun chip que se entregará a cada corredor co dorsal de competición. Os dorsais retiraranse na secretaría da organización na Casa do Concello o sábado 21 de outubro entre as 17h e as 20h. Tamén se poderán recoller o propio día, ata media hora antes do inicio da proba.

Os tres primeiros clasificados de cada categoría e da proba absoluta recibirán un trofeo. Tamén, na cateogría absoluta, recibirán un trofeo os tres primeiros empadroados ou empadroadas no Concello que cheguen á meta e os tres primeiros clubs.

En canto aos premios en metálico, na proba absoluta o primeiro clasificado será galardoado con 250 euros, o segundo con 200 euros; o terceiro con 100 e o cuarto con 50 euros. Para os clubs federados o primeiro premio será de 250 euros, o segundo de 175 euros; o terceiro de 100 e o cuarto de 75 euros.

Presentación

O alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, e mailo técnico municipal do departamento de Deportes, Alberto Viaño, participaron esta no acto de presentación. Por parte dos clubs deportivos de Ames estiveron José Fernando Sainz García, presidente do Club de atletismo Sar; Ana Albán, presidenta do Club de atletismo MillaRaio; Isabella Vázquez e Jose David Garcia Arcos, presidenta e director deportivo do Club Ames Atletismo.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, comezou dándolle as gracias aos representantes dos clubs de atletismo de Ames que son “os encargados da loxística do evento e de que todo funcione correctamente. Tamén teño que agradecer o traballo do técnico municipal de Deportes e maila colaboración da Federación Galega de Atletismo”. En canto á proba deportiva, a concelleira de Deportes dixo que “é unha carreira na que todos os anos hai un elevado número de inscritos e que conta cun percorrido chan que gusta moito aos e ás deportistas. É un día para desfrutar do deporte e do atletismo en familia”.

Por outra banda, o alcalde, Blas García, tamén agradeceu o traballo e maila colaboración dos clubs deportivos, da Agrupación de Protección Civil e da Policía Local, nesta carreira e noutros eventos que se organizan ao longo do ano. “É un día no que se xuntan unha gran cantidade de persoas, deportistas e familiares, en Bertamiráns, algo que é positivo para promover o deporte, pero tamén para dinamizar a economía local e poñer en valor o noso concello. Trátase dun evento xa consolidado. Este ano vaise a celebrar a vixésimo segunda edición, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, xa que a carreira pedestre está integrada no circuíto provincial de carreiras populares”.

Ademais, o rexedor municipal destacou que “o Concello de Ames aposta polo deporte e agardamos acabar o ano cunha boa nova. Estamos traballando para poñer en funcionamento a agardada zona de lanzamento de Ventín. Todos as actividades deportivas son importantes e necesarias, pero un dos nosos obxectivos é poñer en valor o atletismo e para iso as persoas que practican esta modalidade deportiva teñen que ter unhas instalacións axeitadas. Creo que é unha débeda que ten o Concello cos máis de 100 nenos e nenas do noso concello que practican atletismo e que ademais obteñen moi bos resultados cando compiten en probas galegas e estatais. Agardamos que durante este mandato poidamos dotar a Ames dunhas instalación completas de atletismo, para poder adestrar en condicións e incluso poder organizar algún campionato homologado no lugar de Ventín”.