Ames acolle este sábado a entrega dos premios Galetiktokers

64

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este sábado 5 de novembro, ás 19:00 horas, a gala de entrega de premios do certame Galetiktokers, unha iniciativa da Concellaría de Mocidade e de Normalización Lingüística que se pon en marcha por terceiro ano consecutivo e que ten como obxectivo fomentar a creatividade da rapazada e animar a empregar o galego a través das redes sociais e das novas canles de comunicación. Nesta edición, o evento contará coa actuación da cantante Pauliña, e participarán tamén as integrantes do xurado: a comunicadora audiovisual Noelia Francisco Lens, e a tiktoker Sara Seco Rial.

Os premios do concurso Galetiktokers suman este ano un total de 1.800 euros, repartidos en dúas categorías. A primeira engloba aos mozos de entre 13 e 16 anos, mentres que a segunda é para maiores de 17. Haberá seis vídeos gañadores en total, tres por modalidade. Deses seis galardóns, catro son outorgados polo xurado que valorou a orixinalidade, a creatividade, a claridade e a calidade lingüística. Os outros dous premios decidiunos o público a través dunha votación na conta de Instagram da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX).

Nesta ocasión presentáronse 65 vídeos, unha cifra que triplica a da anterior convocatoria. Desas propostas, 39 foron realizadas por mozas e mozos de entre 13 e 16 anos, mentres que as 26 restantes foron presentadas por maiores de 17 anos. En total participaron arredor dunhas 200 persoas, que abordaron temáticas moi heteroxéneas: dende música ata historia, pasando pola sociolingüística, o humor, o deporte, os videoxogos ou a igualdade de xénero, entre outras. As únicas condicións para presentarse eran que o vídeo estivese en galego e que fose creado a través da aplicación Tiktok ou Reels de Instagram.

A gala, que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro este sábado, 5 de novembro, ás 19:00 horas, contará coa actuación da actriz e cantante Pauliña, que será, ademais, a encargada de presentar e de desvelar os nomes dos vídeos gañadores. Estará acompañada por Noelia Francisco Leis, comunicadora audiovisual, e Sara Seco Rial, tiktokeira, que conforman o xurado xunto coa propia Pauliña. Tamén estarán presentes as persoas participantes nesta terceira edición do certame.