Ames acolle o sábado a II Feira do Voluntariado

243

A II Feira de Voluntariado de Ames celébrase este sábado, 1 de outubro, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Este ano inclúe un Encontro intercultural, e celébrase co lema de “Sementando voluntariado”. O evento pretende ser un punto de encontro e que se compartan experiencias entre entidades e as persoas que participen. Entre as asociacións presentes, pertencentes ao ámbito sanitario, da cooperación internacional ou a emigración, entre outros, estarán a Asociación de Migrantes de Galicia, a Asociación sociocultural de venezolanos en Santiago de Compostela, a Asociación galega de familias de acollida, a Asociación social e cultural Recycling, a Fundación Tierra de hombres España, a Confederación galega de persoas con discapacidade, Cáritas Milladoiro, a Fundación Down Compostela, a Asociación de dano cerebral de Compostela, a Agrupación de Protección Civil de Ames, a Obra social pediatría CHUS, a ONG Solidariedade internacional de Galicia, a ONG Manos Unidas, Arcea Adames, a Asociación Fonte da Virxe, a Oficina de Voluntariado do Concello de Ames e a Dirección xeral de voluntariado da Xunta de Galicia.

A feira arrincará ás 10 da mañá con presenza das autoridades institucionais. Ás 12h terá lugar a mesa redonda “A miña experiencia como voluntario/a”, para permitir o intercambio de vivencias.

Ao mediodía, o Encontro intercultural terá lugar entre as 1h e as 16h. Participará veciñanza de Ames nativa de países como Brasil, México, Marrocos, Ucraína ou China, e cociñarán pratos típicos destes países.

Á tarde, o persoal da asociación Solidariedade Internacional de Galicia impartirá o xogo “Non pases palabra” ás 16h. A continuación, ás 17h, poderase ver a exposición fotográfica “Olladas desde a inmigración” e tamén se impartirá unha charla coloquio a cargo do persoal da Asociación de Migrantes de Galicia. Ademais, ao longo de toda a xornada desenvolverase unha actividade de xogos tradicionais denominada “Facendo tribu”, que tamén impartirá o persoal da Asociación de Migrantes de Galicia. Ás 19h farase a clausura cunha actuación musical como peche.

A concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luisa Feijoo, explicou que “nesta segunda Feira do voluntariado o obxectivo principal é darlle un impulso ao voluntariado e que todas as persoas con inquedanzas poidan coñecer diferentes asociacións e distintos ámbitos de traballo. A idea que temos é tratar de facer unha captación de voluntarios e voluntarias a través deste evento”.

Ademais, engadiu “contamos con 17 entidades, a maioría son asociacións que xa participaron na primeira edición desta Feira, pero tamén hai algunhas novas que se apuntaron este ano. Teremos obradoiros e actividades a cargo de diferentes asociacións que participan. Ademais, este ano integramos dentro da programación da Feira o Encontro intercultural de Ames, porque forman parte da familia do voluntariado amesán, e co obxectivo de darlle visibilidade á comunidade migrante de Ames”.