A volta ciclista “O Gran Camiño” percorrerá Galicia entre o 24 e o 27 de febreiro, e a súa segunda etapa partirá de Bertamiráns e atravesará enclaves destacados do concello de Ames coma a Ponte Maceira, como é habitual neste tipo de competicións. A proba conta co apoio da Deputación da Coruña e ten o obxectivo de se converter na volta propia do territorio galego, que xa de por si destaca noutras competicións internacionais como La Vuelta a España.
Foi precisamente a Ponte Maceira o lugar elexido para a presentación da etapa coruñesa, que transcurrirá entre Bertamiráns e o concello de Dumbría, rematando concretamente no miradoiro do Ézaro. Contou coa presencia do presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso, do Alcalde de Ames, Blas García, e do seu homólogo en Dumbría, José Manuel Pequeño, así como a de destacados ciclistas galegos como Óscar Pereiro, Jesús Blanco Villar ou Gonzalo Rabuñal. Tamén estiveron presentes o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e o responsable de Emesports, Ezequiel Mosquera.
González Formoso sinalou que esta proba é “unha aposta por un deporte que cada vez é máis practicado e que nos permite ensinar a o mundo os singulares e marabillosos recunchos da nosa provincia”, destacando concretamente “a Ponte Maceira, declarada o ano pasado como un dos 100 enclaves máis bonitos de España”. O presidente da Deputación da Coruña tamén destacou que o ciclismo é unha actividade a promocionar polos valores de esforzo e traballo en equipo que transmite. No encontro participarán equipos profesionais tanto nacionais coma internacionais.
Pola súa banda, Blas García reivindicou a idea de recuperar unha volta ciclista galega, pola que a Deputación, da que el mesmo fai parte coma deputado de Promoción Económica, apostou “dende un primeiro momento”. Amosou tamén particularmente o seu orgullo coma rexedor “ante unha proba como esta, que se vai ver en todo o mundo e que será unha oportunidade para ensinar o noso municipio”. O alcalde de Dumbría e deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, apuntou tamén nesta liña, destacando que “a través do deporte, en concreto do ciclismo, puxemos no mapa o miradoiro e a fervenza do Ézaro”. Esta célebre fervenza foi paisaxe de varias probas de La Vuelta Ciclista, estando considerada “o olimpo do ciclismo en terras galegas” pola súa mestura de dureza e beleza. Para amosar o impacto que este tipo de competicións teñen nas zonas que as albergan explicou que mentres que “no 2012 visitaron esa zona unhas 5.000 persoas, neste último ano foron 300.000”.
O ciclista Óscar Pereiro tamén afondou na necesidade dunha proba como esta, xa que “Galicia non podía estar tantos anos sen unha volta profesional propia”. O deportista lembrou que, cando era pequeno, entre os seus ídolos estaban grandes ciclistas da nosa terra coma Álvaro Pino ou Blanco Villar, que axudaron forxar a súa vocación. Tamén se manifestou neste senso o ex-ciclista e responsable de Emesports, Ezequiel Mosquera, que dixo que “o argumento da proba non é só o deporte, iso é a escusa, por así dicilo, para abrir unha ventá que amose a provincia da Coruña e Galicia ao mundo”.
Por todas estas razóns, este encontro de primeiro nivel ten como obxectivos a aposta polo deporte e a promoción turística de Galicia, recuperando o espírito da antiga Volta a Galicia que no seu día tivo vencedores tan ilustres coma Miguel Indurain, Abraham Olano ou Marino Lejarreta. O presidente da Deputación remarcou a colaboración entre as diferentes administracións públicas, concretamente a das catro deputacións do territorio galego e a Xunta de Galicia, para dar apoio a un deporte que goza dun importante protagonismo na provincia e que sirve para poñer en valor o turismo, a arte, a gastronomía, a cultura e a historia da Coruña e do conxunto da comunidade.