Ames adicará o POS+ 2022 a servizos sociais, débeda e novos investimentos

321

O Pleno aprobou este xoves, 10 de febreiro, a participación do Concello de Ames no plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos), o POS+ 2022, da Deputación provincial da Coruña. O Concello de Ames disporá de 1.076.348,37 euros, dos cales 1.042.547,70 euros (443.863,06€ da achega provincial 2022 e 598.684,66 euros da achega de 2021) son para novos investimentos; e 33.800,65 euros para a redución de débeda con entidades financeiras. Dentro da partida de 598.684,66 euros, da achega de 2021, o Concello achega 3.994,19 euros. No Plan complementario de 2022 recóllese unha partida de 1.472.221,51 euros para a execución de sete proxectos e no POS+ Adicional 1/2022 contémplanse 157.736,37 euros para o financiamento de gastos sociais extraordinarios.

En primeiro lugar, a Corporación municipal debateu a aprobación sobre a participación no Plan POS+2022 (Plan Único). Este punto foi aprobado por maioría co voto a favor dos membros do Goberno municipal, do grupo municipal popular e do concelleiro do grupo mixto, José Ramón Oulego, de Ciudadanos. O concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, abstívose. O alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, foi o encargado de dar conta das obras que se incluíron no POS+ 2022. Deste xeito explicou que a través da achega provincial de 2022 o Concello de Ames recibirá 443.863,06 euros. Esta contía destinarase ao financiamento de dous proxectos: a pavimentación da estrada de Castiñeiro do Lobo, na parroquia de Ames (242.451,55 euros), dende a estrada provincial en Pousada ata que remata o núcleo de Castiñeiro do Lobo; e a pavimentación da rúa Agro do Medio e outros, no Milladoiro (201.411,51 euros). A través deste proxecto preténdese mellorar a capa de rodaxe, así como a completa reposición da sinalización horizontal da vía, na propia rúa Agro do Medio, así como na rúa do Rego e na rúa de Abaixo, no núcleo urbano do Milladoiro.

O Concello de Ames tamén recibirá 594.690,47 euros correspondentes á Achega provincial de 2021. A dito importe hai que sumarlle 3.994,19 euros que achega o Concello, para completar unha partida de 598.684,66 euros da achega de 2021. Este fondos destinaranse a tres proxectos. Un deles é para executar as obras de pavimentación da rúa Rosaleda e outros, no ámbito urbano do núcleo de Bertamiráns, coas que se pretende unha mellora funcional e da seguridade viaria nas rúas de Travesía de Paraxó, Rosaleda e rúa do Muíño. Para este proxecto vanse destinar 159.771,21 euros (155.777,02 que achega a Deputación e 3.994,19 que pon o Concello de Ames).

Ademais, vanse destinar 268.155,30 euros para a rexeneración de espazos deportivos no campo de fútbol de Ortoño. A través destas obras preténdese crear un espazo polivalente  cunha pista con acabado en formigón pulido para destinar o seu uso á disciplina de patinaxe e un espazo multideporte. Tamén se pretende preparar unha explanada que poida ser empregada polo alumnado dos colexios para realizar actividades formativas de seguridade viaria e un espazo para a realización de diverso tipo de eventos (feiras, concertos, festas, etc).

A mellora de infraestruturas deportivas preténdese ampliar tamén coa reparación da cuberta do pavillón polideportivo de Bertamiráns, que presenta patoloxías polo seu deterioro do paso do tempo dende que foi inaugurado. A este proxecto preténdese destinar 170.758,15 euros. O pavillón de Bertamiráns presenta unha alta ocupación durante toda a semana por parte das persoas usuarias que practican diversos deportes. Debido a elo e para un maior confort dos/as usuarios/as, así como para un mantemento axeitado da infraestrutura deportiva faise necesario acometer a súa reparación.

O concelleiro do grupo mixto, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, incidiu en que “son obras necesarias para o concello. Cantas máis obras e melloras se poidan facer moito mellor para a veciñanza. Aínda así, temos que dicir que nos gustaría que o Goberno contase coa oposición para presentar proposta a este plan”. Tamén destacou que é unha boa nova que a maior parte dos fondos deste plan se invistan en obras no rural. O outro concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, dixo que “é un plan completo que abrangue intervencións no rural e nos núcleos urbanos. Hai varias actuacións na zona norte do concello, que é a zona máis rural do termo municipal, e tamén hai actuacións na zona Sur, polo que as obras están ben repartidas. As prioridades neste caso decídeas o Goberno. Supoño que teñen un plan de actuacións e neste caso optaron por incluír estas obras”.

A voceira do grupo municipal popular, Oliva Agra, destacou que “algúns dos proxectos incluídos neste plan son obras que leva reclamando o Partido Popular dende hai moitos anos, como é a pavimentación da estrada de Castiñeiro do Lobo, que é unha reivindicación que dende este grupo municipal levamos moitos anos facendo”. O Partido Popular achacou falta de planificación ao Goberno municipal por incluír neste plan obras como a pavimentación na rúa Agro do Medio, no Milladoiro, e a ampliación da Casa de Cultura do Milladoiro, que tiñan que ser executadas antes. Por último, Oliva Agra dixo que estaba de acordo coa obras incluídas no POS complementario “porque sempre apostamos por dedicar este plan integramente ao rural”.

O alcalde, Blas García, explicou que “ao principio deste mandato solicitóuselle a todos os grupos políticos unha proposta de plan de obras para o POS, porque nós non facemos a planificación anualmente. Este Goberno, ao principio de cada mandato, o que fai é pedir memorias valoradas de moitas actuacións que temos pendentes no concello, tanto dos núcleos urbanos como do rural, e con iso elaboramos unha planificación”.

O Plan complementario de 2022 inclúe investimentos financeiramente sostibles. Con cargo a esta partida preténdese executar sete proxectos que contan cun orzamento base de licitación total de 1.472.221,51 euros. Seis destes proxectos recollen obras de pavimentación de viarios de diferentes parroquias: pavimentación de viario en Ventín, na parroquia de Biduído (42.879,57 euros); pavimentación da estrada de A Garea e interiores, na parroquia de Agrón (250.773,87 euros); pavimentación de viario no núcleo de O Lombao, na parroquia de Covas (146.503,99); e a pavimentación de viarios no núcleo de Framil, na parroquia de Biduído (372.902,29 euros). Continuando coas melloras e reparación de camiños e estradas, tamén se actuará en vías municipais que neste caso unen distintos lugares pertencentes á mesma parroquia como por exemplo o proxecto de pavimentación de viarios no núcleo de Gasamáns e O Galiñeiro en Agrón (279.782,94 euros).

Dentro do Plan complementario tamén se inclúe a pavimentación da avenida Muíño Vello, no Milladoiro (109.224,81 euros) e mailo proxecto de ampliación da da Casa de Cultura do Milladoiro (270.154,04 euros). As sinerxías funcionais do Concello fan necesario complementar con máis superficie construída o actual centro sociocultural, sobre todo para implementar máis aulas e espazos polivalentes que melloren o uso actual sen necesidade de trasladar ou duplicar edificacións.

Tamén hai que destacar que se pretenden dedicar 33.800,65 euros para a redución de débeda con entidades financeiras. O Concello de Ames contratou un préstamo coa entidade bancaria ABANCA o pasado 11 de decembro de 2018 por valor de 222.895,50 euros, dos cales o importe que queda pendente de aboar ascende a 59.615,01 euros. Deste xeito, vanse dedicar 33.800,65 euros a pagar o importe pendente de pago de dito préstamo.  

O segundo punto que se debateu foi a aprobación da participación no Plan POS adicional 1/2022 para gasto social. A concelleira de Bestar Social, Luísa Feijóo, foi a encarga de explicar este punto, que foi aprobado por unanimidade da Corporación municipal. No POS+ Adicional 1/2022 contémplanse 157.736,37 euros para gastos sociais extraordinarios. Do total de dita contía, destinaríanse 106.812 euros ao reforzo de persoal (2 traballadores/as sociais e 2 auxiliares administrativos/as) para o departamento de servizos sociais co obxectivo de apoiar ao equipo de persoal actual e facilitar a tramitación urxente das prestacións obxecto deste plan e axilizar a atención social profesional necesaria en situacións de risco para persoas vulnerables.

O importe restante, que ascende a 50.924,37 euros, dedicaríase á ampliación e dotación de partidas municipais destinadas a axudas de emerxencia ás persoas soas ou familias en risco de exclusión social: maiores, persoas con diversidade funcional, mulleres en risco de exclusión social ou vítimas de violencia de xénero, cando eles/as e as persoas ao seu cargo, carezan de medios económicos suficientes para asegurar a cobertura das necesidades básicas: vivenda, alimentación, electricidade, educación, gastos médicos ou farmacéuticos, transporte, e aqueles que consideren os servizos sociais municipais.