Ames aproba a Conta Xeral no seu primeiro pleno presencial dende o ano pasado

219

Un pleno extraordinario serviu, paradoxicamente, para que Ames retorne á senda da normalidade tras a pandemia de COVID-19. O primeiro pleno presencial xuntou aos representantes públicos en persoa. Para o alcalde, Blas García, foi “emocionante volver xuntarnos toda a corporación, vernos as caras e poder saudarnos en persoa”. A sesión plenaria comezou, precisamente, coa intervención da concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, amosando a súa ledicia por estar todos xuntos de novo no Salón de Plenos e ir recuperando a presencialidade nos debates plenarios.A esta ledicia sumáronse os voceiros dos grupos da oposición na súa quenda de palabra. Antes de comezar o debate a concelleira de Economía e Facenda quixo agradecerlle ao persoal de intervención o traballo realizado para elaborar a conta xeral e máis nun ano tan complicado como este marcado pola crise da COVID-19, a concelleira fixo extensivo este agradecemento ao resto do persoal do Concello e aos compañeiros do Goberno. A este agradecemento sumáronse, do mesmo xeito, todos os membros da Corporación Municipal.

O pleno aprobou a Conta Xeral de 2020, que supuxo un investimento duns catro millóns de euros no municipio, cun 40% de fondos propios. Ao comezo do pleno, Otero sinalou, sobre a Conta Xeral, que 2020 foi un ano excepcional marcado pola pandemia da Covid-19 en que o goberno estatal aprobou, no marco das directivas europeas, a flexibilización das regras fiscais suspendendo a regra da estabilidade orzamentaria e a regra de gasto para os anos 2020 e 2021.

No tocante as cifras de liquidación do exercicio 2020, neste ano acadáronse unhas cifras de execución máximas no tocante aos gastos de 25.322.000€ de obrigas recoñecidas, na que destaca a maior cifra de execución de investimentos (capítulo 6) do Concello por importe de 4.185.000€ e unhas cifras de ingresos que acadaron os 24.132.000€. O Concello conseguiu pechar 2020 cun reanente de tesourería de case 8.400.000 euros, a partir dos cales se financiarán o Plan Ames Progresa 2023 e outras iniciativas. O máis salientable en gastos é o forte esforzo inversor do 2020, cunha cifra de execución de investimentos reais 4.185.000€ que incrementa case en dous terzos o de 2019.

Pola súa banda, os ingresos baixaron un 1,60% en 2019, ascendendo a 24.123.000 euros. O Concello recadou a través de impostos directos (case 8 millóns de euros), que medraron un 6%, e taxas e prezos públicos (máis de 5 millóns). Estes ingresos baixaron máis dun 16% polo parón de actividades e servizos da pandemia. As transferencias correntes foron de arredor de 9.300.000 euros, e por transferencias de capital preto de 760.000. Ao final, i resultado orzamentario foi positivo con 1.638.000 euros. Ames ten a día de hoxe unha débeda dun 12,43%, por debaixo do límite legal do 110%.

Unanimidade na votación

Esta Conta Xeral tivo o apoio unánime do pleno, logo das intervencións da oposición. A primeira, a do concelleiro do grupo mixto, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, que pediu prudencia “esta conta non cumpre nin co obxectivo de estabilidade orzamentaria nin coa regra de gasto, polo que, é necesario ser prudentes nos investimentos por si se retoma a regra de gasto non volver cometer erros do pasado e ter que subir impostos”. Oulego tamén incidiu “imos dar o voto favorable porque se trata dun documento técnico non porque compartamos nin as contas nin as políticas practicadas”.

De seguido, interviu o concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, que destacou “estas contas amosan un aumento no capítulo de investimentos reais pero recollen moitos outros conceptos como axudas ao comercio, apoio á economía, inversións en benestar e en futuro que tamén deberían formar parte dese capítulo 6”. Costas tamén engadiu “a regra de gasto é unha inxustiza do sistema político español e oxalá que non volva”.

A voceira do grupo municipal popular, Oliva Agra, defendeu “estas contas terían uns resultados estupendos se fosen os dunha empresa privada pero isto é un concello onde o Goberno en vez de investir sube os impostos”. E insistiu “o Goberno tivo unha oportunidade no pleno extraordinario de marzo para baixar os impostos a petición do Partido Popular pero apostaron polos resultados económicos e non polos veciños”.

Para rematar, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, defendeu “que o remanente de tesourería de 8.363.000 euros permitiu aprobar o Plan Ames Progresa por 5.756.681 euros, un plan que se aprobou coa unanimidade de todos os grupos da Corporación e se pode levar a cabo grazas á boa situación económica do Concello”. E  engadiu “nós non gardamos os cartos, investímolos”.