Este luns, 11 de setembro, celebrouse o pleno ordinario do mes de agosto, onde se aprobou o nomeamento de representantes da corporación na Asociación Terras de Compostela, a alteración da cualificación xurídica dun camiño público en Firmistáns e a fixación dos festivos locais para o ano 2024. Por outra banda, déuselle luz verde á solicitude de participación no POS+ Adicional 2023, ao recoñecemento extraxudicial de créditos 2/2023 e á modificación do suplemento de crédito 1/2023.
Os representantes da corporación na Asociación Terras de Compostela serán o alcalde, Blas García, como titular, e as concelleiras Susana Señorís e Ana Belén Paz como suplentes. Este punto saíu adiante co voto a favor do grupo de goberno, do grupo municipal popular e da concelleira de Espazo Común. Abstívose o BNG.
Outro dos puntos tratados foi a alteración xurídica dun anaco de camiño público no lugar de Firmistáns. Este punto foi explicado polo concelleiro de Xestión do Medio Ambiente, Atención ao Rural, Transparencia e Patrimonio, Javier Antelo, que dixo que “este anaco pertence a un camiño da concentración onde a representación gráfica do trazado no mapa da concentración parcelaria de Bugallido no mapa non coincide coa realidade física do mesmo. Tres parcelas privadas vense afectadas na serigrafía dos mapas citados onde se pode ver como o trazado cruza as parcelas dividíndoas en dúas. Dous propietarios solicitan a desafección do camiño xurídico para afectalo posteriormente facendo coincidir a representación gráfica deste coa realidade física. O terceiro propietario mostra a súa conformidade mediante un escrito que presentou por rexistro”. Este tema foi aprobado por unanimidade.
Por outro lado, abordáronse os festivos locais cos que vai contar o concello de Ames durante o ano 2024. O goberno municipal propuxo fixar para 2024 como festivos locais o xoves 9 de maio, día da Ascensión, e mailo luns 24 de xuño, festa de San Xoán. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, do grupo municipal popular e da concelleiras de Espazo Común. Os concelleiros e concelleiras do BNG abstivéronse.
POS+ Adicional 2/2023
O seguinte punto a debate foi a solicitude de participación no POS+ Adicional 2/2023. O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explicou que “dentro dos proxectos aprobados para o POS+ 2023 estaba incluído un investimentos para habilitar unha nova cociña central para o servizo municipal de comedores escolares. Dende a Deputación da Coruña comunicóusenos que non cumpría cos requisitos para ir no POS principal, polo que a proposta do goberno municipal é cambiar este investimento para financialo con gasto corrente”. Este punto saíu adiante co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, do grupo municipal popular e da concelleiras de Espazo Común. Os concelleiros e concelleiras do BNG votaron en contra.
Recoñecemento extraxudicial de crédito 2/2023
A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, deu conto seguinte punto da orde do día que foi o recoñecemento extraxudicial de crédito 2/2023. “En dito recoñecemento de crédito recóllense facturas pendente do ano 2022 por un importe de 567.370,19 euros, que son gastos necesarios e que corresponden a servizos e actividades postos en marcha dende hai varios anos”. Este punto saíu adiante co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, do grupo municipal popular e da concelleira de Espazo Común. Os concelleiros e concelleiras do BNG abstivéronse.
Modificación do suplemento de crédito 1/2023
Por último, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explicou que “a modificación do suplemento de crédito 1/2023 está provocada pola modificación do investimento dunha obra que ascende a 2012.000 euros para a execución dunha senda peonil en varios tramos do Camiño de Santiago. Para poder executar este proxecto é necesario dispor dos correspondentes permisos de Patrimonio e Augas de Galicia, polo que non van a chegar a tempo para poder executala, co cal propoñemos cambiala por outras obras que xa están proxectas, pero que non teñen o financiamento suficiente para realizalas, como son o soterramento da liña de media tensión que é necesaria para a construción do novo CEIP do Milladoiro, para adquirir unha nova desbrozadora para o tractor municipal e para un novo parque infantil en Framil”.
Sobre este asunto a concelleira de Espazo Común, Luísa Feijóo, aludiu “á falta de planificación e xestión por parte do goberno municipal xa que non van ser capaces de executar esta obra que hoxe se vai modificar. Despois de dous suplementos de crédito nun período curto de tempo e que poñen ao Concello nunha situación que pode afectar a capacidade financeira, tal e como se recolle no informe de secretaria e intervención, agora temos que renunciar a creación da senda peonil en varios tramos urbanos do Camiño de Santiago, para poder realizar unha obra urxente e necesaria como é o soterramento da liña de media tensión para o novo CEIP do Milladoiro, por iso incidimos na falta de planificación”.
Por parte do BNG, o concelleiro Alexandre Espinosa, dixo que “despois de falar coa veciñanza de Trasmonte dixéronnos que a obra de creación da senda peonil en varios tramos urbanos do Camiño de Santiago xa estaba prevista para 2020 e houbo que agardar á aprobación do suplemento de crédito 1/2023 para poder executala. Agora vólvese adiar esta obra que foi aprobada en Pleno para priorizar outras, polo que nós consideramos que hai que cumprir os acordos tomados en Pleno”.
Sobre este asunto o alcalde, Blas García, dixo que “para falar sobre a planificación e xestión deste goberno municipal agardemos polo menos uns meses. A intención é executar a senda peonil en varios tramos urbanos do Camiño de Santiago. Se non se fai agora non quere dicir que non se vaia facer cando haxa o financiamento necesario. En todo caso, penso que planificación e xestión é modificar unha obra de 212.000 euros, que non se pode executar antes de que remate o ano, por outras actuacións que tamén son necesarios e outros servizos e subministros moi necesarios. Planificación é non perder máis de 200.000 euros e dedicalos a outros proxectos que tamén son importantes e que os veciños e veciñas doutras zonas tamén están solicitando”.
Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e do grupo municipal popular. Os concelleiros e concelleiras do BNG e maila concelleira de Espazo Común votaron en contra.