Ames aproba un suplemento de crédito para gastos como os producidos pola COVID-19

393

Onte, 26 de novembro, o Concello de Ames celebrou o Pleno ordinario mensual. A Corporación municipal aprobou o suplemento de crédito 3/2020, por valor de 1.102.055,80 euros, financiado con remanente de tesourería para gastos de investimentos, gasto corrente, e para os xuros correspondentes á devolución dos avais incautados para o P. EM05-03.

Ademais, aprobáronse dous proxectos relacionados co Ciclo integral da auga. O primeiro para executar unha rede de pluviais no lugar de Cantalarrana ata o límite do concello de Brión. O segundo proxecto, para dotar do servizo de saneamento e abastecemento ao lugar de Quintáns, pertence á parroquia da Ameixenda. 

Tamén se aprobou a segunda modificación do proxecto modificado de mellora da eficiencia enerxética da iluminación pública no Milladoiro.

Suplemento de crédito 3/2020
Dentro do apartado económico, aprobouse cos votos a favor do grupo de goberno e dos concelleiros do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, e José Ramón Oulego, de Ciudadanos, o suplemento de crédito 3/2020 financiado con remanente de tesourería para gastos xerais. O PP abtívose neste punto. 

O suplemento pretende dotar gastos de investimentos, que responden fundamentalmente a mantemento de infraestruturas e servizos ou a gastos imprevistos. 

Deste xeito, 48.000 euros son necesarios para o arranxo do local dedicado á nave da brigada municipal de obras que foi alugado recentemente. Outros 47.995,31 euros dedicaranse ao arranxo dun local que se vai a alugar para oficinas municipais na praza do Concello; 25.000 euros serán para a reposición de luminarias ou adquisición de equipos informáticos; e 87.719,84 euros imputaranse como crédito para o importe pendente de executar das obras de urbanización do sector A.P. EM05-03 por devolución dos avais incautados para a obra en virtude da sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Por outra banda, destinaranse 609.261,38 euros para gasto corrente. Isto reflicte o aumento dos gastos de limpeza pola pandemia e os gastos de servizos polos protocolos antiCOVID.

Ademais, recóllese unha terceira partida de 10.079,37 euros para os xuros correspondentes á devolución dos avais incautados para o P. EM05-03 en virtude da sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Revisión de prezos do contrato da limpeza viaria
Ademais, aprobouse cos votos a favor do grupo de goberno e dos concelleiros do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, e José Ramón Oulego, de Ciudadanos, a revisión de prezos do contrato de concesión da limpeza viaria e xestión do Punto Limpo do Concello, adxudicado á empresa Urbaser SA, correspondente ao exercicio 2020. 

A Corporación municipal aprobou por unanimidade o reembolso dos gastos xudiciais derivados do procedemento abreviado 363/2017, así como a elección da candidata Zeltia Otero Nieto como xuíza de paz titular do Concello de Ames.

Por outra banda, o Pleno aprobou a incorporación ao inventario municipal de bens do Concello de Ames o compromiso de adscribir á finalidade pública de campo de fútbol municipal o campo municipal de herba artificial de Bertamiráns, cuxa rexeneración realizouse co financiamento da Deputación provincial da Coruña.

Tamén se aprobou por unanimidade o Plan de Acción para o Clima e Enerxía Sostible (PACES) do Concello de Ames. Parte das actuacións a realizar están contempladas na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (EDUSI). Ademais, contribuirá ao obxectivo de aforro enerxético o cambio de luminarias no rural financiado polo IDAE que ascende a 1.425.000 euros. O resto das actuacións, que rondan os 5 millóns de euros, serán asumidas polo Concello. Para o seu financiamento o Concello poderá acudir á colaboración doutras instancias públicas.

Propostas presentadas
No pleno deste xoves, 26 de novembro, aprobáronse dúas propostas presentadas polos grupos municipais que forman o Goberno municipal (PSdeG-PSOE, BNG, Contigo Podemos) e mailo concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, pertencente ao grupo mixto.

A primeira delas de apoio á campaña e proposición non de Lei de iniciativa popular para unha canle Xabarín Club na TVG e máis e mellor difusión de programación infantil e xuvenil en galego impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística.

A segunda proposta é de apoio á cultura e a súa declaración como ben de primeira necesidade. Por outra banda, o grupo municipal popular retirou da orde do día unha proposta para instar ao Goberno de España a rebaixar o IVE das máscaras, xa que parte da reivindicación xa se realizou.

Mocións presentadas por vía de urxencia
Tamén se aprobou por unanimidade unha declaración institucional por unha solución xusta e pacífica do conflito do Sáhara occidental e unha moción presentada por vía de urxencia en relación á inscrición dos coñecementos e técnicas relacionados coa arte efémera de elaborar alfombras e outros elementos con flores e materiais naturais na lista representativa do patrimonio inmaterial da UNESCO.

Por último, foi rexeitada unha moción presentada por vía de urxencia por parte do Partido Popular de Ames contra a Lei Celaá.