Dende a Concellaría de Sanidade vaise a repartir entre a veciñanza amesá unha receita médica na que en prescrición pon deixar de fumar
O Concello de Ames, como membro da Rede española de cidades saudables, participa na Semana sen fume, que é unha iniciativa da Sociedade Española de Medicina de Familia e Comunitaria (semFYC) en colaboración co Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. Deste xeito, lanza unha campaña entre a veciñanza para axudar a aquelas persoas que queiran deixar de fumar. Ademais, no marco da campaña “menos cajetilla e máis zapatilla”, este domingo, 28 de maio, realízase unha andaina pola ruta do rego da Andoriña para fomentar hábitos de vida mais saudables.
A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, explica que “o Concello de Ames adhírese por segundo ano consecutivo á campaña da Semana sen funme que se desenvolve entre o 25 e o 31 de maio. O ano pasado o que fixemos foi convidar a todos os/as traballadores/as municipais que eran fumadores a que deixaran de fumar e acompañalos en dito proceso. Este ano queremos dar un paso máis e convidamos a toda a veciñanza amesá a que deixe de fumar. Para iso vaise ofrecer asesoramento e información a través do departamento de Ames Saudable que está situado no Pazo da Peregrina”.
Dende a Concellaría de Sanidade vaise a repartir entre a veciñanza amesá unha receita médica na que en prescrición pon deixar de fumar e en recomendacións para o paciente pódese ler: Parabéns! Deixar de fumar é o mellor que pode facer pola súa saúde. Para deixar de fumar o Concello de Ames recoméndalle a todos os veciños e veciñas que pasen polo departamento de Ames saudable, que está situado no Pazo da peregrina, de Bertamiráns.