Ames busca atraer ao sector audiovisual

208

O alcalde, a concelleira de Promoción Económica e o concelleiro de Urbanismo reuníronse con representantes do sector audiovisual que teñen empresas radicadas en Ames. O obxectivo desta reunión foi o de establecer un primeiro contacto para no futuro establecer colaboracións que sexan beneficiosas tanto para os profesionais como para o concello.

Na xuntanza estiveron presentes o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, o concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández e representantes das produtoras Zenit TV, Setemedia, Cinemar Filmans, Ficción Producciones e Produtora Mirabelle.

A reunión serviu para fixar o contacto e e buscar vías de comunicación e colaboración entre este importante sector económico, puxante en Ames, e o Goberno Municipal.

Ademais, os representantes municipais informaron aos representantes das produtoras da vindeira posta en marcha do coworking do Milladoiro, que estará enfocado ao sector audiovisual e tecnóloxico. Na reunión aproveitouse tamén para analizar e traballar en futuros proxectos en común que sirvan para pa poñer en valor tanto ao concello de Ames como ao sector audiovisual que está implantado no noso municipio, e que se diversifica en varios ámbitos.

“Resulta moi positivo realizar unha xuntanza cun sector que está en pulo no noso concello e que en moitos casos é refencia a nivel galego e tamén fóra do noso país”, manifestou o alcalde Blas García. O alcalde engadiu que esperaba que esta fose a primeira xuntanza de moitas: “Queremos establecer un contacto estreito e permanente de xeito que tanto nós como as produtoras podamos favorecernos desta sinerxia”.

Pola súa banda, a concelleira Ana Paz lembrou como Ames, desde a praza do Concello á Ponte Maceira, xa foi escenario de moitas rodaxes: “É un privilexio para o concello contar con tantos e tan bos profesionais do audiovisual, como tamén o é que grazas aos seus traballos Ames se coñeza un pouquiño máis alén das nosas fronteiras”.