Ames busca un técnico para o Ciclo integral da auga

1136

Esta persoa encargarase do programa denominado “estudo para a viabilidade da municipalización do ciclo integral da auga e seguimento operativo e transitorio da execución do contrato vixente”

O Concello de Ames convocou un proceso selectivo para a selección e nomeamento, como funcionario/a interino/a por programa, dun/dunha técnico/a do ciclo integral a auga, da Escola de Administración Especial, subescala técnica, técnico/a medio, subgrupo A2.

O goberno reservou unha partida de 45.000 euros no orzamento de 2017 para realizar un estudo da municipalización dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración. Para iso contratarse a unha persoa que será a encargada de supervisar e de que se cumpran as condicións reflectidas no contrato deste servizo, que dende o pasado 16 de xuño está sendo xestionado pola empresa Espina y Delfín.

Deste xeito, vaise a contratar a un técnico/a do ciclo integral da auga que será adscrito ao departamento de infraestruturas, obras e servizos básicos. Esta persoa encargarase do programa denominado “estudo para a viabilidade da municipalización do ciclo integral da auga e seguimento operativo e transitorio da execución do contrato vixente”. A duración de dito programa será de dous anos prorrogables, supeditados á vixencia do programa e, en todo caso, ao máximo legal permitido.

Os traballos que terá que desenvolver o técnico/a seleccionado consistirán no control e elaboración de informes para a municipalización do ciclo integral da auga; análise e exame dos datos resultantes do novo modelo de xestión do servizo; vixilancia e control do cumprimento do contrato asinado entre o Concello de Ames e a empresa adxudicataria (especialmente a supervisión das melloras de carácter tecnolóxico ofertadas, así como as preventivas e correctivas para o mantemento das instalacións); fiscalizar e inspeccionar os servizos, as obras, as instalacións e a documentación que debe aportar a concesionaria; examinar e supervisar os proxectos de obra realizados, así como a planificación e dirección dos traballos a realizar.