Ames celebra a súa quinta Semana da Mobilidade

Ames volve apostar, e xa van cinco anos, por un novo modelo de transporte celebrando a Semana Europea da Mobilidade. Nesta ocasión transcorrerá entre o 16 e o 22 de setembro, concentrando iniciativas en favor dunha mobilidade activa, do transporte público e doutros medios de transporte limpos.

A Semana Europea da Mobilidade (SEM) é unha campaña da Comisión Europea que vén celebrándose dende o 2002, procurando convidar a un cambio global de hábitos de transporte. Neste momento hai 3.000 concellos en toda Europa sumándose á conmemoración deste ano. Ames faino baixo o lema “Combina e móvete!” e escollendo por temática a eficiencia enerxética.

O sábado 16 dan comezo as actividades. A primeira será “Xogos sobre rodas”, unha iniciativa de xogos populares en bici para rapaces dende os catro anos de idade. Será dende as 17h no parking de Agriños do Milladoiro, ao lado da escola infantil.

Ao día seguinte haberá unha andaina pola senda verde entre o Milladoiro e Bertamiráns. Sairá da igrexa de San Xosé do Milladoiro ás 10h. Haberá un bus para as persoas que van dende Bertamiráns ao comezo, e para as persoas que volvan ao Milladoiro ao final.

A programación abarca ata o venres 22, cando unha marcha ciclista nocturna partirá ás 22h dende a Casa do Concello. Trátase dun percorrido sinxelo, de oito quilómetros, para toda a familia.

As actividades son de inscrición previa. Esta pode facerse cun correo a mobilidade@concellodeames.gal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *