Ames celebra o Día da Diversidade

Hoxe, conmemorando o Día das Diversidades Sexuais, unha bandeira arco da vella foi pendurada do balcón da Casa do Concello de Ames.

559

O manifesto foi lido por varios membros da corporación municipal e pola técnica do Centro de Información á Muller, María Teresa Arufe

Ás 12:00 horas, deste mércores 28 de xuño, Día das Diversidades Sexuais, a bandeira arco da vella foi colgada no balcón da Casa do Concello. O acto, ao que estaba convidada toda a veciñanza amesá, as traballadoras e traballadores do concello e o resto de grupos políticos municipais, encádrase dentro da campaña “Construíndo Diversidade”, organizada pola Sección de Servizos Sociais da Deputación da Coruña.

O acto incluíu a lectura dun manifesto e a entrega de material (chapas, mochilas adhesivos…). O manifesto foi lido por varios membros da corporación municipal e pola técnica do Centro de Información á Muller, María Teresa Arufe. Ademais, alén da bandeira colgada no balcón do concello, tamén se pendurou outra na entrada do edificio.

A campaña “Construíndo Diversidade”, que inclúe un vídeo promocional e un xogo descargable online, procura sensibilizar á sociedade sobre as problemáticas que afectan ao colectivo LGBTQI, apoiando a diversidade sexual e de identidade de xénero.

Todos e todas somos diferentes. Temos diferentes gustos e facemos diferentes opcións en calquera eido da vida. Igualmente, cada unha e cada un de nós nos relacionamos, amamos e sentimos atraídas de xeito diferente por persoas de diferente condición. A identificación da propia sexualidade, o xeito en que decidimos manifestala, a quen queremos, como amamos,…non nos fai mellores ou peores, simplemente nos fai diversos: Heterosexuais, lesbianas, gais, transexuais, bisexuais, intersexuais, queers, só somos cidadáns que se expresan afectiva e sexualmente de forma diversa. E esa diversidade só é unha manifestación da pluralidade que debe caracterizar as sociedades”, expresa unha parte do manifesto municipal deste ano.