Para o mes de maio o Concello de Ames organiza un ciclo de monólogos da man de sete artistas galegos. A iniciativa foi presentada esta mañá na Casa da Cultura de Bertamiráns. No acto estiveron presentes o concelleiro de Cultura e alcalde de Ames, Blas García; a técnica do departamento, María Vázquez; e os monologuistas Quico Cadaval e Pepo Suevos.
A proposta, impulsada polo Concello a través do departamento de Cultura, inclúe actuacións de figuras consolidadas como Quico Cadaval e Carlos Blanco, xunto con artistas emerxentes como Antía Costas ou Cristóbal Álvarez. Os espectáculos desenvolveranse tanto en Bertamiráns como no Milladoiro. As entradas poden adquirirse na Billeteira electrónica do Concello e, no caso de Carlos Blanco, a través de Ataquilla.com.