Ames celebra este sábado a súa condición de municipio xacobeo

0
51

Ames pon as sandalias xacobeas por un día. A Orden del Camino de Santiago impulsa o proxecto “Coñece os camiños” a través do cal se celebrará, o sábado 9 de outubro, unha xornada de promoción dos camiños. A Casa da Cultura de Bertamiráns será a sede deste evento dende as 11.30h, nunha actividade que incluirá actuacións musicais e conferencias sobre os camiños e a súa influencia nos lugares por onde pasa. Tamén haberá unha saída guiada e teatralizada polos lugares máis emblemáticos do concello.

A “Orden del Camino de Santiago” adoita visitar a través de xornadas deste tipo as localidades que atravesan os camiños a Santiago. Nesta ocasión colabora coa concellaría de Turismo para pór en valor a influencia do camiño na localidade.

A xornada comezará ás 11:30 coa recepción, por parte das autoridades de Ames, aos membros da “Orden del Camino de Santiago”. Äs 11:45 está prevista a actuación do grupo As Maianas. Seguidamente, ás 12:00 horas Jesús Ares Vázquez, presidente da Asociación de Turoperadores de Galicia, ofrecerá unha conferencia que leva por título “O Camiño de Santiago, camiño Cultural Europeo”. Ás 12:35, Bruno de Llano Gómez, especialista en xestión local e autonómica de Ecoembres falará sobre “La sostenibilidad en el Camino”. O Camiño da Ría Muros-Noia será o obxectivo do último dos relatorios da mañá que correrá a cargo da arqueóloga Sofia Baquero Vidal. A mañá concluirá cunha actuación musical a cargo da Real Banda de Gaitas.

Visita guiada
A xornada aproveitarase para dar a coñecer á veciñanza de Ames algúns dos lugares máis emblemáticos do concello.  Os asistentes a esta visita terán a oportunidade de vistar o pazo da Peregrina, a Igrexa Parroquial e a Casa de Rosalía en Ortoño  e a Casa Taller de Ana Rosa. A visita artellarase a través de pequenas representacións teatrais.

Hai 75 prazas dispoñibles para as conferencias e as actuacións musicais da mañá e 35 para a visita guiada, que partirá do pazo da Peregrin ás 16h. Para anotarse cómpre escribir a turismo@concellodeames.gal

“Cremos que esta é unha boa oportunidade para reforzar o coñecemento da veciñanza sobre os camiños de Santiago que pasan polo noso concello e tamén para que todos e todas sexamos conscientes da influencia que este feito ten e pode ter no noso tecido social e empresarial”, manifesta o concelleiro de Turismo Manuel Lens.

DEJA UNA RESPUESTA

Please enter your comment!
Please enter your name here