Ames celebra o Día Mundial do Medio Ambiente cunha xornada para toda a veciñanza en Tapia

390

O Día Internacional do Medio Ambiente celébrase en Ames a través dunha actividade organizada pola Aula da Natureza do Concello o propio sábado 5. O evento comezará cunha ruta ambiental polo Val do Pasos, entre Bertamiráns e Tapia. Unha camiñata de dificultade media de 9 quilómetros de lonxitude para a que haberá un autobús ás 9.45 dende a Casa de Cultura do Milladoiro para estar no punto de saída (diante da praza do Concello) ás 10h.

Posteriormente, haberá unha xornada de portas abertas de piragüismo na Praia Fluvial de Tapia destinada a nenas e nenos maiores de 7 anos. A mediodía, entregaranse os premios do Concurso Fotográfico Enfoca Ames, impulsado pola Xuntanza de Empresarios de Ames e o Concello para “achegar á cidadanía os lugares máis emblemáticos” do municipio. 

Celebrarase tamén un encontro intercultural e unha xornada de xogos tradicionais. No campo de Fútbol de Tapia terá lugar ás 17:30 unha demostración de uso de maquinaria forestal. A esa mesma hora celebrarase unha Gran Xincana Ambiental. 

A Aula da Natureza, como acto conmemorativo do Día Internacional do Medio Ambiente, realizará unha solta de alevíns de troita no río Tambre ás 17.30h. A xornada pecharase cunha actuación musical.

Patricia Reboreda, técnica de Medio Ambiente e responsable da Aula da Natureza, convida a todos os veciños e veciñas a achegarse á Festa da Natureza. Pódese solicitar información enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal ou chamando ao 660 004 665.