Ames celebra o Samaín o 31 de outubro

169

Esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación da primeira festa de Samaín, que se vai desenvolver en Bertamiráns o luns 31 de outubro, no aparcadoiro da Telleira. O evento está organizado pola comisión de festas de Bertamiráns e conta coa colaboración de XEA (Xuntanza de Empresarios de Ames) e do Concello de Ames. O obxectivo é recadar fondos para as festas de Bertamiráns de 2023.

O evento foi presentado esta mañá nun acto na Casa do Concello, no que participaron o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, acompañados polo vicepresidente da comisión de festas de Bertamiráns, Benjamín Seoane, e o presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames, Jorge López.

A festa comezará ás 18:00 horas co grupo Música Miúda, que ofrecerá o espectáculo “Cambia o conto”. Este grupo acaba e editar este audio-libro que reinventa historias tradicionais e trae outras novas, para romper estereotipos e pasalo en grande. O novo traballo conten un conto e 14 cancións para cantar e bailar. Ás 20:30 será a quenda de Urakán, o grupo dos vocalistas Leo García e David Seara, que tamén forman parte da orquestra Finisterre.

Haberá cantina, e os asistentes que acudan disfrazados entrarán no sorteo dunha cesta de carne e vexetais (doados por Carnicería Suso e Tomate más fruta) para facer un cocido. Todos os beneficios serán destinados á celebración das festas de Bertamiráns do vindeiro ano 2023.

Presentación da festa de Samaín
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou que “se trata da primeira festa de Samaín de Bertamiráns e agardamos que sexa a primeira de moitas”. Ademais, puxo en valor este tipo de iniciativas “porque necesitamos dinamizar o comercio e maila hostalería local. A nova comisión de festas de Bertamiráns está traballando moi ben dende a súa constitución, primeiro no programa Ames en Festas, e agora coa organización deste novo evento. De seguro que durante os próximos meses nos van a sorprenden con novas iniciativas”.

Benjamín Seoane, vicepresidente da comisión de festas de Bertamiráns, explicou que “a festa comezará ás 18.00 horas cun espectáculo para o público infantil e posteriormente ás 20.30 horas haberá unha actuación musical a cargo do grupo Urakán”. Ademais, dixo que “haberá un sorteo para todas as persoas que acudan á festa disfrazados. Agardamos que participe moita xente e que se poidan organizar moitas máis iniciativas como esta”.

Jorge López, presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames, manifestou que “dende XEA valoramos de xeito moi positivo esta iniciativa. Nós tratamos sempre de apoiar este tipo de iniciativas porque animan a vida que se realiza na rúa que é un dos nosos obxectivos para dinamizar a actividade comercial”. Ademais, resaltou que “o grupo Música Miúda presentará o audio-libro “Cambia o conto” que acaban de editar. Ademais actuará o grupo Urakán que é de sobra coñecido polo público de Ames”.

O alcalde de Ames, Blas García, comezou dándolle as grazas “á comisión de festas polo traballo que está facendo nos últimos meses. Están realizando un gran traballo porque non só se ocuparon de organizar as festas da Peregrina deste ano, senón que están poñendo en marcha iniciativas como a que estamos presentando hoxe, que axudan a que a xente saía á rúa para que se divirta e o pase ben. Ademais este tipo de actividades poñen en valor o tecido comercial e hostaleiro de Ames”.

Blas García engadiu “faime especial ilusión a unión que hai entre as comisións de festas e mailo Concello para organizar iniciativas conxuntas. É moi positivo organizar iniciativas deste tipo para todos: Concello, comercios, establecementos hostaleiros e veciños/as. Xa estamos traballando no programa de Ames en Festas 2023 e no próximo presuposto municipal imos incluír unha contía para organizar os tres días de festa que quedan no medio entre as festas do Milladoiro e as de Bertamiráns”.