Ames celebrou o acto institucional do 25-N no Pazo da Peregrina de Bertamiráns

313

O acto institucional do Día internacional da eliminación da violencia contra a muller celebrouse esta tarde no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. “Que o meu machismo non se converta no teu problema” e o lema baixo o que o Concello de Ames conmemora o Día da violencia contra a muller 2022. O acto contou coa asistencia de representantes da Corporación municipal, e nel leuse un manifesto asinado polas formación políticas con representación no Concello.

A charla estivo conducida por María Angélica Mercado Torres, especialista universitaria en Estudos de xénero e políticas de igualdade, e versou sobre agresións sexuais e violencia sexual. Posteriormente, tivo lugar unha unha actuación protagonizada polo alumnado da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA), e repartiuse material co lema da campaña.

Este ano, ademais, colocáronse para o acto 37 pares de zapatos, un por cada muller que foi asasinada vítima de violencia de xénero ao longo do ano 2022. Os zapatos levaban escritos o nome das vítimas como maneira de visibilizar o espazo que ocupan as mulleres que faltan e a lacra que supón para a sociedade a violencia machista.

A concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo, explicou que foi un “acto sinxelo no que queremos ocupar o espazo público, desta vez nun dos espazos emblemáticos do noso concello, para visibilizar unha vez máis a repulsa da poboación amesá cara as violencias machistas”.

A concelleira engadiu que o obxectivo do acto foi “concienciar sobre as desigualdades que aínda existen a día de hoxe na nosa sociedade, para sensibilizar sobre as violencias que se seguen a exercer sobre as mulleres, e para non esquecer que temos que seguir nesta loita, e que, máis que nunca, debemos estar toda a sociedade unida e que a responsabilidade é de todos e de todas”. “Coa igualdade non gañamos as mulleres, gaña toda a sociedade”, concluíu.