Ames celebrou o seu entroido máis participativo

110

Tras dous anos sen poder celebrar esta festa por mor da pandemia o departamento de Cultura do Concello de Ames, en colaboración coa Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), apostou por realizar un Entroido máis participativo, no que implicou ás asociacións de veciños e culturais, as comunidades e as ANPAS. Deste xeito, estimase que arredor de 250 persoas participaron no concurso de Entroido no que o 90% dos participantes foron veciños/as de Ames.
 
Ademais, contouse con animación a cargo das Pompeiras, que fixeron pompas de xabón para que os nenos/as puideran xogar con elas e encheron as rúas de ledicia multicolor; e dos Dinos Bailongos, que levaron consigo un estandarte feito de globos, co que interactuaron co público.

O desfile comezou arredor das 17.00 horas dende a Casa da Cultura do Milladoiro. Os/as participantes saíron cara a travesía do Porto e continuaron a súa ruta pola rúa Cereixos, a rúa Agro do Medio, a rúa Pardiñeiros, a rúa Anxeriz e a Rúa Raxoeira. O fin de festa realizouse na praza de Manuel Murguía. A entrega de premios foi presentada por Raquel Pérez, xornalista da TVG e veciña do Milladoiro. A ambientación musical na praza de Manuel Murguía correu a cargo dun DJ. Como peche de festa, ás 19:00 horas, houbo unha actuación musical, a cargo de Brassica Rapa, unha brass band nacida a finais do ano 2017.

Premiados nas catro categorías
Na categoría infantil o primeiro premio de 100 euros foi para Soñando coa batuta. O premio foi entregado pola voceira do Partido Popular de Ames, Oliva Agra. O segundo premio recaeu en León do Lombao, que acadou un premio de 75 euros. O primeiro foi entregado pola concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz. O terceiro e último premios desta categoría foi para Caperucita zombie que obtivo 50 euros de premio. Foi entregado por Jorge López, presidente de XEA.

Na categoría de adultos o primeiro premio foi para O demo de Covas que levou 100 euros. O premio foi entregado pola concelleira de Cultura, Natividade González. O segundo premio recaeu en Cámara humana que obtivo 75 euros. Neste caso o premio foi entregado polo concelleiro do Partido Popular de Ames, Pablo Beiroa. O terceiro premio quedou deserto.
 
Na categoría de grupos de 2 a 10 persoas o primeiro premio de 300 euros foi para o grupo A historia das dúas Marías. O premio foi entregado polo alcalde de Ames, Blas García. O segundo premio foi para o grupo Funko peliqueiros que recibiron 200 euros. O premio foi entregado por Jorge López, presidente de XEA. O terceiro premio de 100 euros recaeu no grupo O Camiño e o paseo pola costa. Neste caso o premio foi entregado pola concelleira de Xuventude, Escarlata Pampín.

Na categoría de grupos de máis de 10 persoas o primeiro premio de 500 euros foi para a comparsa Aí veñen os de Bugallido. O premio foi entregado por Jorge López, presidente de XEA. O segundo premio recaeu na comparsa Xogos retraolímpicos que acadaron 300 euros. O premio foi entregado pola concelleira de Cultura, Natividade González. O terceiro premio de 150 euros foi para a comparsa O club dos Paxamigos. O premio foi entregado polo alcalde de Ames, Blas García.

O xurado do concurso estivo formado por Fátima Prego, de Fátima Prego Estilistas; Edu López da escola E-Motion, e Ángeles González de confeccións Agezar. A dotación económica dos premios foi achegada por XEA a través dos seus socios e socias. Dende dita asociación agradecen o esforzo e colaboración dos establecementos asociados.

Festa de Entroido en Bertamiráns
A programación de Entroido en Ames continúa hoxe, 20 de febreiro. A partir das 17.00 horas celebrase unha gran festa de Entroido na praza de Chavián, en Bertamiráns. Haberá unha carpa instalada. A festa comezará coa animación de rúa a cargo da Charanga Os Celtas. Ademais haberá unha exhibición de baile a cargo de Danzaya, representarase o espectáculo Entroido co Señor Patajullo e a Banda Barabullo e actuará a coral do programa Amessan.