A Xunta de Goberno Local amesá do 21 de xullo aprobou o expediente de licitación da obra para crear carreiros escolares nos centros urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O orzamento base será de algo máis de 410.000€. O obxectivo é crear uns carreiros escolares seguros dentro do entorno urbano que melloren a seguridade peonil.
No caso de Bertamiráns, a senda escolar prevista para acceder ao CEIP da Maía e ao IES de Ames realizarase creando unha senda peonil na beirarrúa existente modificada na avenida da Peregrina, partindo do cruzamento coa avenida principal da Maía coa propia avenida da Peregrina. Nese inicio da rúa é onde se prevé o inicio da senda peonil con pavimento diferencial da beirarrúa existente que se implementará na actual sección da avenida da Peregrina modificando anchos de plataforma e adaptándoa ás necesidades expostas e coordinándoo con outros proxectos en marcha.
No caso do Milladoiro, a senda escolar permitirá o acceso ao CEP de Ventín dende a zona Oeste do Milladoiro. Terá un trazado eminentemente rural partindo desde unha glorieta na rúa do Buxo por un camiño actualmente en terra cunha pendente entre un 8 e un 20% neste primeiro tramo. Na intersección do camiño acondicionado coa estrada á aldea de Ventín poñerase un paso de peóns para cruzar pola marxe esquerda da devandita calzada para continuar coa senda.
Neste segundo tramo prevese que a senda discorra polo carril esquerdo anulado e quedando o carril dereito activo para vehículos en sentido Ventín coa particularidade de quedar ese viario con velocidade 20 km/h de servizo ás naves comerciais dos arredores. Ao final do tramo en asfalto, este conéctase cun viario de acceso á aldea de Coira e un camiño en terra que chega á porta do CEP de Ventín, polo que ese camiño constituirá o terceiro e último tramo de acondicionamento da senda.