Ames é o concello de Galicia que máis gasta en educación

178

O Concello de Ames é a administración local galega que máis recursos económicos destina á educación, tal e como se desprende do mapa de gasto municipal en España recentemente elaborado polo xornal El País. Ames gasta cada ano 634,48 € por alumno, o que representa o 20,83% do seu orzamento. Isto é, máis dun de cada cinco euros que gasta Ames cobren investimentos educativos. O mapa extrae os datos das informacións relativas a aqueles concellos que comunicaron as súas liquidacións orzamentarias dos exercicios 2020 e 2021, tal como constan no Ministerio de Facenda.

Cómpre lembrar que Ames é o Concello con menor media de idade en toda Galicia, situándose nos 40 anos. Isto significa que ten unha ampla franxa de poboación en idade escolar, tendo medrado o padrón municipal en máis de 10.000 persoas nos últimos 20 anos até as 32.000.

Un dos buques insignia dun concello que tantas familias escollen para vivir son os seus programas de conciliación. O núcleo dos servizos ConciliaAmes está no servizo ‘Bos días cole’ para que as nenas e nenos poidan chegar ao centro escolar xa dende as 7.30 da mañá. Este compleméntase con ‘Tardes divertidas’ para quen ten que quedar ata as 21h. O Concello xestiona tamén o servizo de comedor escolar. Esta clase de programas axudou tamén a manter abertas as escolas rurais unitarias de Ortoño e Covas, que suman hoxe 33 alumnos.