Ames é o cuarto concello máis transparente de Galicia

633

A avaliación feita por DYNTRA, o auditor social da transparencia e da ética pública, sitúa ao Concello de Ames como o cuarto máis transparente entre os galegos. A administración local amesá conta con 94 de 162 indicadores publicados, polo que que alcanza unha porcentaxe de transparencia de 58.02 sobre 100. A avaliación da transparencia está baseada no índice DAM (Dyntra Ayuntamientos y Municipios). Ames é o nonaxésimo sexto Concello máis transparente de toda España.

O Concello explica parte dos resultados polo novo sitio web municipal, posto en marcha en xuño de 2019, que aposta por “potenciar os contidos de transparencia para cumprir cos índices de transparencia da organización Transparencia Internacional”. Estes contidos son accesibles no apartado de Transparencia e no de Organización municipal, “non só fornecendo os contidos, senón tratando de estruturalos da maneira máis clara posible, facéndoos doadamente accesibles aos usuarios”, indican.

A concelleira de Transparencia, Vanessa Vidal, destaca que “a transparencia é moi importante para este goberno municipal”, e pon como exemplo a creación do Portal de Transparencia en 2015.

A avaliación feita por Dyntra está dividida en 6 apartados, nos cales o Concello de Ames obtén a seguinte puntuación: en Transparencia municipal 58%; Participación e colaboración cidadá 58%; Transparencia económico – financeira; Contratación de servizos 56%; Urbanismo e obras públicas 60 %; e Open Data 0%. A avaliación da transparencia está baseada no índice DAM (Dyntra Ayuntamientos y Municipios).

A evolución cronolóxica da transparencia do Concello de Ames pasou de 16,78% de outubro de 2015 a 57,67% en xullo de 2020. En setembro de 2016 a porcentaxe de transparencia era de 29,45%; en xaneiro de 2018 estaba practicamente igual e era de 29,33%; e en febreiro de 217 baixaba case un punto ata 28,48%. A partir de xuño de 2019 coa implantación da nova páxina web municipal e co novo Portal da Transparencia dita porcentaxe medra considerablemente ata chegar ata o 58% actual.

Apartados avaliados por Dyntra
A avaliación, que mide a porcentaxe de transparencia, comprende os apartados de Transparencia municipal -58,46%-, Participación e colaboración -57,58%-, Transparencia económico – financeira -59,26%-, Contratación de servizos, -56,25%- e Urbanismo e Obras públicas -60%- .

Cómpre sinalar que o Concello de Ames non cumpre o apartado de Open Data ao non ter publicados a maior parte dos documentos en formato aberto e ao non existir unha plataforma open data. Neste senso a concelleira de Transparencia, Vanessa Vidal, indica que “seguiremos traballando mellorando o Portal da Transparencia para estar na vangarda da transparencia”.