Ames e Santiago reafirman o seu compromiso por unha senda peonil e de bicicleta da cidade ao Milladoiro

449

Os alcalde de Ames e de Santiago de Compostela, os socialistas Jose Miñones e Xosé Sánchez Bugallo, reuníronse esta mañá para abordar asuntos pendentes para ambos municipios.  Entre outros asuntos tratouse o proxecto de senda entre Santiago e O Milladoiro, a EDAR ou a situación da pandemia.

Tanto Miñones como Bugallo amosaron a súa intención de desbloquear a conexión peonil e por bicicleta entre Santiago e o Milladoiro. “Estudaremos a fórmula máis viable para facer a conexión para que xa poida haber un tránsito peonil en 2021″, sinalou o alcalde de Ames. “Teremos que dotarnos dunha partida orzamentaria” para o proxecto, engadiu, así como estudar a alternativa máis viable.

Noutra orde de cousas, o alcalde de Santiago informou a Jose Miñones da situación da EDAR da Silvouta, infraestrutura que afecta directamente á veciñanza de Bertamiráns e ao río Sar ao seu paso por Ames. Queríamos coñecer os trámites que estiveron facendo e as previsións que hai”.

Miñones e Sánchez Bugallo tamén falaron da posible flexibilización das medidas restritivas que afectan aos dous concellos e amosáronse esperanzados de que “poidan mudar esta venres”, segundo apuntou o rexedor compostelán.

Sobre este asunto o alcalde de Ames incidiu en que a situación mellorou, ao descender a 24 casos dende o pico dos 122, pero “hai que seguir coas medidas e ese distanciamento social”.