José Miñones e Antonio Negreira abordaron a mellora da estrada AC-453 Roxos – Portomouro e maila posibilidade de realizar unha ruta de sendeirismo ao carón do Tambre ata Tapia
Na xuntanza de Miñones e Negreira abordáronse varios temas de vital importancia para ambos concellos como a mellora da estrada AC-453 Roxos – Portomouro; a posibilidade de realizar unha ruta de sendeirismo conxunta que discorra ao carón do río Tambre e que poida chegar ata Tapia; a ampliación das liñas do transporte metropolitano; e a posibilidade de que o alumnado amesá poida empregar as instalacións do CEIP Plurilingüe Xacinto Amigo Lera, situado en Portomouro.
Mellora da seguridade viaria na estrada AC-453 Roxos – Portomouro
Os rexedores municipais de Ames e de Val do Dubra falaron do estado de dita estrada e do perigo que implica circular por varios tramos da mesma xa que hai zonas moi estreitas nas que hai pouca seguridade. Deste xeito, acordaron facer varias actuacións conxuntas como son manter xuntanza co alcalde de A Baña; trasladar un comunicado e manter unha xuntanza coas Asociacións de Transportistas; e facer un estudo do número de vehículos diarios que usan esa estrada (así saberíase o número de vehículos de gran tonelaxe que circulan por esta vía).
Asemade, tanto José Miñones como Antonio Negreira incidiron na necesidade de recuperar o proxecto que existía para a mellora da seguridade e maila ampliación de varios tramos da AC-453. Outra alternativa que ambos alcaldes plantexan é que, se non se recupera deito proxecto, a Consellería de Infraestruturas elabore un novo proxecto.
Outro dos temas tratados foi a posibilidade de ampliar as liñas de transporte metropolitano que discorren por Ames e Val do Dubra. A idea é que unha das liñas do transporte metropolitano, que fai a liña ata Piñeiro poida ampliar o percorrido e baixar ata Portomouro, xa que a comunicación dos autobuses de Val do Dubra con Santiago é moi escasa. Deste xeito, aproveitarase unha liña xa existente para ampliar o servizo á veciñanza do concello de Val do Dubra.
CEIP Plurilingüe Xacinto Amigo Lera
O alcalde de Val do Dubra tamén falou da actual situación do CEIP Plurilingüe Xacinto Amigo Lera, de Portomouro, o cal está infrautilizado xa que a súa capacidade é para uns 400 alumnos/as e actualmente ten menos de 100 nenos e nenas. Debido a iso, ofreceu a posibilidade de falar coa Consellería de Educación para que o alumnado de Ames poida usar as instalacións deste colexio. Por último, abordaron a posibilidade de habilitar unha ruta de sendeirismo conxunta que discorra ao carón do río Tambre e que poida chegar ata Tapia.