Ames homenaxea ao veciño que evitou un atraco no Milladoiro

73

O Concello de Ames celebrou esta mañá unha pequena homenaxe a Juan José Duro Barrán, un home que o pasado 16 de marzo evitou un atraco no parque infantil da Estivada, no Milladoiro. Duro Barrán prestou axuda a Lourdes Gelpe, unha muller que se atopaba no parque coa súa neta e que foi asaltada, recibindo ameazas cunha arma branca. Ao escoitar os gritos da muller, Duro Barrán achegouse e interviu no altercado, evitando o roubo e facendo que o presunto autor dos feitos fuxira. No proceso, o home recibiu catro cortes con arma branca na cara e no costado.”

Dende a Corporación queremos poñer en valor o acto que fixo Juan, nun momento difícil que require de moita valentía e de moita coraxe, para enfrontarse a alguén cunha navalla ou con algo que poida poñer en risco a súa vida”, sinalou o alcalde de Ames, Blas García, que fixo entrega dunha placa conmemorativa a Duro Barrán, acompañado da muller que sufriu o asalto, Lourdes Gelpe. “Queremos que sirva de exemplo para que actuemos cando alguén de nós se vexa nunha situación similar”, engadiu García.

Aos dous protagonistas acompañáronnos no acto varios achegados e familiares. Neste senso, a familia da muller que foi asaltada tivo un detalle co home que a axudou, entregándolle unha carta escrita polas fillas de Lourdes e pola súa neta, na que agradecían a súa valentía e o seu xesto cara a unha persoa que non coñecía.

Ademais do alcalde, en representación do Goberno local, asistiron á homenaxe a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijóo; o concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens; a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, e a concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín. Ademais, como parte da Corporación municipal, acudiron Oliva Agra e Pablo Beiroa, do Partido Popular, e Quique Costas, de Ames Novo. Asemade, acudiron representantes da Policía Local de Ames e da Garda Civil.

O Concello de Ames homenaxea a Juan José Duro Barrán, que evitou un intento de atraco no Milladoiro