Ames honrou a Coral de Bugallido no seu Día de Galicia

239

O Concello de Ames celebrou o pasado luns, 24 de xullo, o Día de Galicia. O Pazo da Peregrina de Bertamiráns foi o escenario dun acto de celebración da galeguidade e, ao mesmo tempo, dun acto de recoñecemento á Coral de Bugallido con motivo dos seus 50 anos de traxectoria musical. O alcalde entregoulle a Xosé Luís Castro Tourís, presidente da coral polifónica de Bugallido, a medalla do Concello de Ames. Ao longo do acto interviron o alcalde e mailas voceiras e voceiros dos diferentes grupos políticos da Corporación municipal. Tamén houbo unha quenda de intervencións aberta á veciñanza na que interviu Tino Seoane. O músico, Javier Constenla, encargouse de amenizar o evento interpretando ao piano varias pezas musicais, mentres que o xornalista de Ames Radio, Juan Luis Silva, foi o encargado de presentar o acto.

O músico, Javier Constenla, foi o encargado de poñer o acento musical ao acto do Día de Galicia en Ames. Un acto co que o Concello de Ames quixo, neste 2023, conmemoralo Día de Galicia, o día das galegas e dos galegos, e ao mesmo tempo, renderlle homenaxe á Coral polifónica de Bugallido. Precisamente o acto comezou con Javier Constenla ao piano interpretando o tema O Son do Ar. A continuación interviu Juan Luis Silva, xornalista de Ames Radio, que foi o encargado de presentar dito acto.

De seguido, interviron as/os voceiras/os dos grupos que conforman a Corporación municipal de Ames. Os voceiros e as voceiras tomaron a palabra para manifestar o seu amor pola nosa terra e á nosa lingua, sen esquecer, a traxectoria musical da Coral polifónica de Bugallido. Tamén houbo unha quenda de intervencións aberta á veciñanza na que interviu Tino Seoane, integrante da coral e figura importante do tecido asociativo e cultural de Ames. Seoane dedicou unha palabras ás persoas maiores que segundo dixo foron capaces na posguerra de sentar as bases para que hoxe teñamos a Galicia que temos.

Durante o transcurso do evento, Javier Constenla tamén interpretou as pezas Romeiro ao Lonxe e Alalá das mariñas. Cómpre destacar tamén que a dito acto asistiron veciños e veciñas de Ames, representantes do tecido asociativo e cultural do concello, concelleiros e concelleiras da actual Corporación municipal, así como o ex-alcalde, Santiago Amor, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e mailos/as veciños e veciñas de Ames que recibiron anteriormente a medalla do Concello de Ames: María Victoria Otero Espinar, Ángel Carracedo, Filomena Fraga, Maximino Viaño e Ramón Lorenzo.

Entrega da medalla do Concello de Ames
O alcalde entregoulle a Xosé Luís Castro Tourís, presidente da coral polifónica de Bugallido, a medalla do Concello de Ames. Previamente, Blas García dixo que “ata hoxe viñemos distinguindo a un veciño ou veciña do noso concello polo seu traballo, méritos ou cualidades persoais. Este ano acordamos nun pleno celebrado este mes de xullo que se lle outorga a medalla do Concello á Coral polifónica de Bugallido. Polo tanto é a primeira vez que esta distinción recae nunha asociación ou entidade pública do noso concello”.

“Ademais de premiar a calidade e maila traxectoria desta agrupación, esta distinción tamén serve para poñer en valor o traballo, a dedicación, o esforzo e o sacrificio que fan as moitas e variadas asociacións e colectivos do noso concello. Moitas veces é unha labor pouco valorada e discreta, por iso é necesario recoñecer como estamos facendo hoxe aquí a importante tarefa que fan as asociacións e colectivos que existen en Ames, das cales nos temos que sentir orgullosos. Hoxe que celebramos o día de Galicia tamén debemos sentirnos orgullos de ser de Ames”.

Tras recibir a medalla do Concello de Ames, Xosé Luís Castro Tourís, presidente da coral polifónica de Bugallido, dixo “para nós é un grande orgullo e énchenos de ledicia recibir esta medalla. Entendemos que non é unha medalla para un grupo de xente e unha asociación, senón que é un recoñecemento á musica, que é ao que nos levamos dedicando unha boa parte das nosas vidas. A música é cultura e tamén é tradición. En nome da Coral polifónica de Bugallido quero agradecerlle á Corporación municipal este recoñecemento público ao traballo desenvolvido pola nosa coral durante máis de 50 anos. Estamos seguro que será un impulso para continuar coas actividades que realizamos con máis forza que nunca”.

“Tamén queremos agradecer ao Concello de Ames a colaboración que leva mantendo con esta asociación ao longo de todos este anos. Quero dedicarlle esta distinción ao seu fundador, a don Antonio Santomil, pero tamén aos 200 homes e mulleres que pasaron por esta formación, os cales deron o mellor de si para manter viva esta agrupación. Hai que agradecer tamén o apoio recibido pola veciñanza da nosa parroquia de Bugallido, así como das outras parroquias do concello. A nosa música foi ben recibida en todos os recunchos do noso concello e agardamos que continúe sendo así. A defensa e promoción da nosa cultura, a través da música, foi sempre un obxectivo da Coral polifónica de Bugallido dende os seus inicios, por iso aproveitamos esta ocasión para pedir aos nosos representantes públicos e a toda a cidadanía que non permítamos retrocesos no eido da cultura, pois trátase da nosa esencia como pobo polo que debemos mantela e potenciala”.
   
O acto pechouse co himno galego, que foi interpretado por Javier Constenla ao piano, e cantado polos integrantes da Coral polifónica de Bugallido e por todos os asistentes.