Ames lanza un programa de emprego para combater a exclusión social

225

O programa ‘Ames Emprega e Integra’ preséntase este xoves no Milladoiro. A iniciativa, dirixida aos colectivos desfavorecidos do municipio, procurará a prevención e a actuación nos casos de exclusión social e está incluída dendtro da EDUSI Impulsa Ames, cofinanciado cos fondos FEDER. O programa desenvolverase de xuño a novembro.

O acto de presentación terá lugar ás 11h da mañá do xoves 1 na Casa de Cultura do Milladoiro. Participarán a concelleira en funcións Ana Belén Paz e mais os técnicos municipais Pablo Bello e María Lloves. Intervirá igualmente o alcalde en funcións, Blas García. Tras a presentación, impartirase o primeiro obradoiro informativo a cargo da formadora María Negredo, que leva por título “Convertendo desafíos en oportunidades”.

O programa busca principalmente a inserción laboral, despois de que estudos previos determinasen os colectivos desfavorecidos e as súas demandas concretas. Así, diríxese de xeito prioritario a mozas e mozos (menores de 30), facendo fincapé en perfís con déficit de formación, mulleres ou desempregados de longa duración. Tamén maiores de 45 ou persoas con cargas familiares ou discapacidade, persoas en exclusión social ou inmigrantes. Para participar cómpre residir no concello de Ames, ser demandante de emprego e estar nunha situación de busca activa de emprego.

Para informar sobre o programa á veciñanza amesá, instalouse o martes un stand informativo no Milladoiro que estivo durante a mañá no cruce das rúas Agro do Medio e Pardiñeiros. Pola tarde está na Travesía do Porto ou dentro do centro comercial Novo Milladoiro, dependendo de se chove ou non. O mércores o stand informativo estará en Bertamiráns, no cruce das avenidas da Maía e da Peregrina e na contorna da Casa da Cultura de Bertamiráns.

Para inscribirse hai que chamar ao número de teléfono 674 594 843, ou enviar un correo electrónico ao enderezo ames.integra.emprega@gmail.com, ou a través da páxina web de Ames Integra e Emprega.