Ames lanza unha Oficina de Voluntariado Informático e un Banco de Reciclaxe Electrónica

333

A Concellería de Benestar Social do Concello de Ames lanzou, en colaboración coa Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), a Oficina de Voluntariado Informático de Software Libre do Concello, así como o Banco de Reciclaxe Electrónica con Software Libre.

A Oficina de Software Libre centrará as súas actividades en divulgar as novas tecnoloxías en software libre entre os grupos sociais menos favorecidos. Impartirá cursos de formación e actividades de alfabetización dixital. Nela resolveranse dúbidas relacionadas coa tecnoloxía e será un punto de encontro para compartir coñecemento. O local estará situado no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8.

Por outra banda, o Banco de Reciclaxe Electrónica de Software Libre recollerá equipos electrónicos doados por persoas ou institucións que xa non os usan e que poidan seguir sendo operativos para persoas con menos recursos.Recolleranse ordenadores portátiles, torres, periféricos (monitor, teclado, rato…) e compoñentes internos (RAM, HDD…). Estes equipos formataranse e serán reacondicionados para alongar a súa vida útil e así ofrecer a posibilidade de reutilización aos colectivos en situación de vulnerabilidade.

A concelleira de Benestar Social e Voluntariado, Luisa Feijóo, recordou que a pandemia fixo moito máis evidente a fenda dixital e que as administracións deben traballar “non só para que sexa máis fácil acceder, senón que todas e todos poidamos facelo”.