Ames orienta o Nadal a todos os públicos na súa Aula da Natureza

0
42

A Aula de Natureza do Concello de Ames presentou hoxe a súa oferta de actividades para este Nadal, marcado polo regreso do campamento urbano logo da boa acollida do ano pasado, as rutas ambientais e tres obradoiros para todos os públicos.

Os obradoiros marcarán o arrinque das actividades. Comezarán o 27 de novembto e durarán ata o 11 de decembro. Para maiores de 16 anos ofértanse dous talleres de arte floral na Aula da Natureza, impartidos por Beate Méndez, de Florifarma a través da asociación ASVINOR, ambos das 17h ás 19h. O primeiro obradoiro, relacionado co adorno de portas, impartirase o 27 de novembro, mentres que o segundo, centrado na elaboración de ramos, terá lugar o 11 de decembro. Por outra banda, para a rapazada entre 6 e 14 anos, realizarase o 4 de decembro un taller con obxectos da natureza, enfocado á preparación dun Nadal sostible. A actividade, que se realizará pola mañá, terá autobuses de ida e volta dende a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 10:30h e ás 13:45h, e dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 10:45h e ás 13:30h.

O prato forte destas actividades, o campamento, está deseñado para rapazada entre 6 e 16 anos. Vaise desenvolver do 27 ao 30 de decembro, con idas e voltas en autobús dende a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 10:30h e ás 18h, e dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 10:45 e ás 17:45h. Serán catro días de xogos colectivos e tradicionais, rutas pola contorna da Aula e obradoiros varios entre os que se inclúe a elaboración de cremas e de bioplásticos, seguimento de rastros de animais, cociña de Nadal, sementes de inverno ou mesmo de trenzado de cordas.

A proposta que pechará o programa de Nadal será “Bosque de inverno”, unha ruta ambiental duns quince quilómetros entre Bertamiráns e o Alto do San Marcos. Desenvolverase o día 8 de xaneiro, de 9h0 a 14h. O punto de encontro para a andaina, clasificada como de dificultade media, será a rúa Piqueiras de Bertamiráns, preto do parque infantil do paseo fluvial. Ademais, haberá un autobús dende a Casa da Cultura do Milladoiro, con saída ás 8:45h e regreso ás 14:15h, para que máis persoas se poidan sumar á ruta, indicada para todos os públicos. Durante a expedición, daranse explicacións sobre a parada vexetativa, os froitos do inverno e os usos tradicionais dos muíños de auga.

DEJA UNA RESPUESTA

Please enter your comment!
Please enter your name here